Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo destina 90.000 euros para proxectos de cooperación e desenvolvemento para ONGs


# Xoves, 08/10/2009
* Serán 8 proxectos de cooperación e 3 de sensibilización
* As adxudicatarias destas axudas deben realizar unha memoria xustificativa dos proxectos


Imaxe Asociada
A Concellería de Benestar Social e Igualdade, dirixida por Carmen Basadre, destinará un total de 90.000 euros para subvencionar proxectos de cooperación e desenvolvemento. A Comisión de Avaliación destinou 19.500 euros para as ONGs que realizan labores de sensibilización e 70.500 para os proxectos de colaboración.

Basadre indicou que o Concello ven colaborando con proxectos de cooperación e sensibilización dende fai anos e que “dende o 2005 triplicamos a inversión para estes programas”, e engadiu que “ademais destes proxectos colaboramos con 6.000 euros para o Fondo Galego de Cooperación, outros 6.000 para o programa de vacacións en Paz e 6.000 máis para Ledicia Cativa”.

“O obxectivo do equipo de Goberno é dedicar unha pequena axuda a outros países, para que nenos e nenas, homes e mulleres poidan ter unha vida mellor nas sociedades máis desfavorecidas”, afirmou.

A finalidade dos proxectos de cooperación e sensibilización é que contribúan a atender as necesidades básicas da poboación: alimentación, vivenda, saúde, educación, implantación de novas infraestruturas, etc. Así como executar accións de sensibilización, información e educación para o desenvolvemento.

A Concelleira explicou que foron un total de 14 proxectos os presentados, aínda que se desestimaron 3 por incumprir as bases ou renuncia.

Proxectos de sensibilización
Os proxectos de sensibilización financiados cos cartos lucenses son os seguintes:

- Asociación Cultural de Cooperación ao Desenvolvemento Cova da Terra. Para a consolidación do programa educativo da asociación. Subvención: 8.502’89 euros.

- Implicadarrobas no desenvolvemento. Para a formación e captación do voluntariado en Lugo. Subvención: 4.600 euros.

- Médicos do Mundo. Para o proxecto a derradeira colonia, a longa noite do pobo saharauí. Subvención: 6.837’11 euros.

Proxectos de cooperación
As partidas dos proxectos de cooperación corresponden á seguinte relación:

- Enxeñerías sen fronteiras de Galicia. Total subvención: 10.000’44 euros.

- Solidaridade Internacional de Galicia. Para mellorar o sistema sanitario nos territorios palestinos a través da provisión de equipamento médico quirúrxico e da saúde materno infantil. 5.680 euros.

- Fundación Taller de Solidaridad. Para a mellora da educación de 400 nenos non escolarizados na República Democrática do Congo. Total: 32.275’77 euros.

- ACSUR. Para o apoio á rehabilitación agrícola e social de dúas cooperativas afectadas polo paso de dous furacáns en Cuba. 7.109´04 euros.

- HUMANA. Para mellor a calidade educativa e perspectiva de xénero en Mozambique. 3.408 euros.

- SOTERMUN. Para o equipamento básico e implementación de centro de saúde comunitario para a atención materno infantil en Togo.2.320’38 euros.

- AXUNICA. Para a renovación de material e reforzamento das actividades educativas da casa comunal Calli Tanday. 4.976’87 euros.

- Asamblea de Cooperación pola Paz.- Para a diversificación da produción agrícola de dúas familias e mellorar as oportunidades socio-económicas de 90 mulleres en Túnez. Inversión de 4.729’5 euros.

A Concelleira explicou que para a concesión destas axudas téñense en conta os seguintes supostos:

1.- Para os proxectos de cooperación ao desenvolvemento:

- Que sexan proxectos a desenvolver en África.
- Dirixidos á mellora da rede de subministros de auga, construción de pozos e saneamento.
- Dirixidos a mellorar a educación da poboación da zona de intervención.
- Que incorporen a perspectiva de xénero como forma de traballo impulsando a autonomía e poder de decisión das mulleres así como a concienciación dos homes na igualdade de xénero.
- Que dean participación á poboación beneficiaria dende a súa elaboración e deseño ata a súa execución e avaliación.
- Que dean continuidade aos proxectos anteriores.

2.- Para os proxectos de sensibilización social:

- Que fomenten os valores de solidariedade, comercio xusto, consumo responsable, defensa dos dereitos humanos e valores medioambientais.
- Que repercuta na maior cantidade da poboación mellorando os seus recursos.
- Que fomente a crítica ás desigualdades.
- Que dean a coñecer a realidade dos países máis desfavorecidos e das causas que xeran pobreza.
- Que fomente a formación de voluntarios así como a participación activa dos cidadáns ou colectivos destinatarios

A Concelleira indicou que a Comisión decidiu que nas bases para as solicitudes do próximo ano incluirase que para poder recibir estas axudas deberán realizarse campañas de sensibilización na cidade, indicando cando e canto costarán as mesmas.

As adxudicatarias destas axudas deben realizar unha memoria xustificativa destes proxectos nos que deberán aportar elementos cos que se poida comprobar que se están a realizar.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova