Imprimir

FUXAN OS VENTOS PECHARÁ AS FESTAS DE SAN FROILÁN 2009


8/10/2009 O concerto será o luns 12 de outubro ás 21:00 horas na praza Horta do Seminario

A Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e Xoán Fuertes e Antón Castro de Fuxan os ventos presentaron na Casa do Concello o concerto que o grupo ofrecerá o vindeiro luns en Lugo pechando a programación musical de San Froilán 2009.

O grupo de música Folk encherá a praza Horta do Seminario cos sons de maxia, duende e poesía que levan paseando polo mundo dende fai 37 anos. O público lucense poderá disfrutar do espectáculo Terra de Soños, co que Fuxan os ventos volta aos escenarios tras case unha década sen tocar.

Na escenificación da estreitísima vinculación entre a canción popular galega e as novas formas de expresión do folk atópase o eixo que vertebra este Terra de soños.

A Concelleira explicou que “ nesta ocasión Lugo será testigo dun concerto único, un concerto de amigos, xa que teremos o privilexio de ver ao grupo acompañando por Xabier Díaz (Berrogüetto), Guadi Galego (Berrogüetto, Nordestinas), Pepe Ferreirós (Milladoiro), Nova Galega de Danza, Miguel Lustres e Sabela” e engadiu que “sabemos que será un concerto multitudinario”.

Pola súa banda, Xoán Fuertes explicou que chegan a Lugo con moita ilusión porque nunca actuaran dentro do programa de san Froilán. Ademais, o artista resaltou que “o concerto chegará a todo o mundo xa que será retransmitido en directo por Radio3”.

Antón Castro afirmou que “si vamos a pechar as festas imos a facelo cunha carga total” e engadiu “estamos en mellor forma que nunca, polo que animamos a lugueses e luguesas a cantar as cancións que coñecen e algunhas novas”.

O grupo está formado na actualidade por Carme Vázquez, Xoán L. Fuertes Saavedra, Tereixa Novo, Alfonso Fernández, Moncho Díaz, Maruja Fociños, Antón Castro, José Vazquez e Pedro Lucas.