Imprimir

O ALCALDE DE LUGO PRESÉNTALLE Á CONSELLEIRA DE SANIDADE O PROXECTO DO CUMIO INTERNACIONAL CONTRA AS DROGAS NO QUE ESPERA CONTAR COA COLABORACIÓN DA XUNTA DE GALICIA


8/10/2009 * José López Orozco reuniuse este mediodía en Santiago con Pilar Farjas para tratar asuntos de importancia en materia sanitaria para a cidade
* O Cumio desenvolverase na cidade de Lugo no próximo mes abril de 2010

* Así mesmo, planteoulle a posibilidade de instalar unha residencia para dependentes e non dependentes nos terreos do edificio Xeral-Calde
* Trasládalle o plan de obra dos viais perimetrais do novo hospital e as actuacións concernintes ao Concello na contorna, que estarán rematadas a finais de novembro



O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presentoulle esta mañá á Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, o proxecto para a celebración do Cumio Internacional contra as Drogas que se desenvolverá entre o 20 e o 23 de abril do ano próximo en Lugo co obxectivo de asinar un convenio de colaboración entre ambas as administracións para a realización do mesmo.

A Conselleira de Sanidade manifestou o seu interese no asunto, ao tempo que se comprometeu a acometer o seu estudo e a posible colaboración co Concello para a celebración do cumio.

O convenio pretende establecer unha cooperación entre o Concello e a Consellería con motivo da participación da cidade de Lugo no proxecto EU-LAC Alianza de Cidades en Tratamento de Drogas.

Obxecto da colaboración
Trátase, tal e como lle explicou o Alcalde, dunha iniciativa EU-LAC Alianza de Cidades en Tratamento de Drogas na que participan Europa, América Latina e o Caribe. A iniciativa tivo a súa orixe como unha alianza real entre pobos, unha alianza de civilizacións, unha rede de cooperación internacional e de intercambio de boas prácticas.

López Orozco expuxo que o proxecto constitúe unha representación clara do que supón o traballo en equipo, o intercambio solidario para loitar contra unha lacra que non entende de fronteiras: as drogas, o consumo, a oferta, a demanda e e a súa prevención.

Trátase dun programa integral no que, xunto con outros países se pretende unir esforzos, consolidar redes a nivel internacional, nacional, rexional e municipal no ámbito do tratamento e da prevención das drogodependencias.

EU-LAC está financiado pola Comisión Europea e executado e coordinador pola Secretaría Executiva da CIDAC. O cumio reunirá na cidade a máis de 1.000 autoridades de todo o mundo que porán en común o traballo realizado desde o ano 2008 en materia de tratamento, prevención e rehabilitación no ámbito das drogodependencias.

CIDAC
CIDAC é o acrónimo da Comisión Interamericana para o control do Abuso de Drogas, creada pola Organización de Estados Americanos. A CIDAC está integrada na Secretaría de Seguridade Multidimensional da OEA, e a cidade de Lugo forma parte, representando a España, do seu comité executivo, xunto con Edimburgo, Göteborg, Santo Domingo e Montevideo.

Lugo foi seleccionada en 2007 por recomendación do Plan Nacional sobre Drogas debido ao seu bo traballo na prevención das drogodependencias, para participar activamente na iniciativa EU-LAC Alianza de Ciudades en Tratamiento de Drogas.

Outros temas
Así mesmo, López Orozco trasladoulle á Conselleira a posibilidade de acometer os proxectos de construción dos centros de saúde do Sagrado Corazón e Sanfiz que esta se comprometeu a avaliar. O rexedor local interesouse ademais polo plan da Consellería en relación co edificio do Xeral-Calde unha vez entre en funcionamento o centro de San Cibrao.

López Orozco propúxolle á Conselleira de Sanidade que se instale unha residencia para dependentes e non dependentes que poida prestar un importante servizo para a cidade. Pola súa banda, Pilar Farjas, anuncioulle que no espazo do materno infantil se abrirá un laboratorio de referencia para a sanidade galega.

Así mesmo, o Alcalde de Lugo informou a Pilar Farjas do estado da obra que está a acometer o Concello en relación co acondicionamento do viais perimetrais do novo hospital. López Orozco trasladoulle que o Concello ten os deberes feitos e que as obras estarán rematadas a finais de novembro, tal e como recolle o plan de obra.