Imprimir

LÓPEZ OROZCO DESTACA O PAPEL DOS EMPRENDEDORES LUCENSES COMO "UN DOS FACTORES DE CRECEMENTO DA CIDADE"


9/10/2009 O Alcalde de Lugo asistiu esta mañá á presentación dos proxectos de 17 empresas nacidas ao abeiro do CEI-NODUS, 6 delas novas

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou hoxe na presentación de 17 proxectos de empresas que naceron ao abeiro do CEI-NODUS, 6 delas de nova creación: Evalice Internet, Small Wonders, Peter Schneider, Artemenudo, Intre Estratexias e Binarty. López Orozco destacou o papel dos emprendedores lucenses como “un dos factores de crecemento da cidade”.

Na súa intervención, referiuse aos empresarios que forman parte do CEI-NODUS como “o mellor antídoto contra a crise”. “Aquí atopamos xente nova, emprendedora que se anima a crear emprego e autoemprego o que fai renacer a esperanza”, expuxo.

López Orozco referiuse á preparación e a formación como o mellor antídoto para levar a bo termo todos os proxectos. Estes, incidiu, sempre contarán co apoio do Executivo local , coa experiencia doutros empresarios e doutras administracións para o que puxemos en marcha proxectos como a Rede Mercurio “traballando no mesmo camiño para gañar e aproveitar os recursos para sacar o maior froito posible.

O Alcalde de Lugo destacou que se están a cumprir os obxectivos do centro. Atendéronse 250 consultas e a 141 emprendedores, dos cales 36 puxeron en marcha a súa empresa fóra do CEI. Os datos avalan o centro: o índice de supervivencia das empresas unha vez que abandonan as instalacións municipais, é do 100%.

As empresas presentaron hoxe os seus proxectos coa intención de intercambiar experiencias laborais e compartir coñecementos empresariais.

As empresas que presentaron os seus proxectos foron as seguintes:

- XAN.- Empresa dedicada á orientación profesional cara á produción ecolóxica, implicada no desenvolvemento da produción e do consumo de produtos ecolóxicos manténdose en contacto permanente con todas as ramas da produción. Os principais obxectivos desta empresa céntranse en favorecer o desenvolvemento de modelos de produción agraria ecoloxicamente sustentables e economicamente viables, o que favorece o mantemento dos postos de traballo no medio rural. Ademais, ofrece un servizo que responde ás necesidades dos sectores que pretenden ir na dirección da redución do impacto ambiental, dos custos e na mellora técnico-económica. A empresa tamén se centra na creación de postos de traballo estables en Galicia.

- PEXEGO.- Pexego Sistemas Informáticos é unha empresa que desenvolve a súa actividade no ámbito das novas tecnoloxías da información e das comunicacións (NTIC). Pexego xorde como consecuencia da iniciativa emprendedora dun equipo multidisciplinar de profesionais dos campos informático, pedagóxico e de deseño gráfico, capaces de desenvolver produtos innovadores.

- ARDINOVA CONSULTING.- Propón ao servizo das empresas lucenses solucións para o seu departamento informático con servizos de seguridade, implantación de amplicacións software, desenvolvemento de proxectos de I+D+i, mantemento de recursos informáticos, implantación de solucións de mobilidade e formación.

- H20 ENXEÑARÍA.- Consultoría medioambiental que ten como obxectivo dar servizos para realizar actividades orientadas a satisfacer as necesidades dos seus clientes nos distintos sectores medioambientais, optimizando os recursos do medio. Tamén investigan e desenvolven as ferramentas máis axeitadas para o progreso socioeconómico do medio natural e organización de actividades medioambientais.

- IMAXE PLUS.- Nace como referente no mercado emerxente da fotografía e vídeos panorámicos. Produce este material para a visualización de entornos 3D relacionados co patrimonio, cultura, turismo, empresas, etc.. situando ao espectador no centro da imaxe.

- LUGO INTERNET.- A empresa desenvolve actividades de creación de páxinas web, creación de aplicacións informáticas, mantemento de empresas, soporte técnico a empresas de hosting e rexistro de dominios e servizos de hosting. Ofrece ós seus clientes a posibilidade de actualizar a súa web, subir documentos e outros arquivos. Ademais ofertan un sistema de seguridade para almacenar datos.

- CALOR VERDE.- Empresa dedicada ao desenvolvemento, comercialización e instalación de placas ou paneis de calefacción por infravermellos a distancia. Este sistema xera unha temperatura agradable e o mesmo tempo fai que no ambiente se sinta unha sensación de calor natural, a través dun equipo que imita as radiacións solares sobre a terra, sendo un sistema de calefacción limpo, hixiénico, e agradable que non produce po, ruído nin malos cheiros nin humidade.

- AE SWISS TECH CORP-BLANIQ&SONS.- Céntrase na fabricación e comercialización dunha variedade de sistemas electrónicos: desde solucións de electrónica industrial e profesional ata placas solares ou aparellos de alta seguridade.

- AMS Lab.- Laboratorio especializado no uso da espectrometría de masas coplada á cromatografía líquida. Conta cunha alta tecnoloxía que permite realizar diferentes análises. Dispoñen de 6 liñas de servizos dirixidas aos sectores: Agroalimentario, medioambiental, clínico-fiorense, farmacéutico, químico-cosmético e consultoría.

- INTRE SOLUCIÓNS.- Ofrece servizos de márqueting e publicidade con especial dedicación ao apoio dos servizos das Pemes e de autónomos. Entre os seus servizos están: mensaxes nas bolsas de papel, en dispensadores de tarxetas comerciais e folletos, apoio ao sector do moble galego en Internet, xestor de ofertas inmobiliarias, inserción en panos para cafeterías e merchandising.

- EVALICE.- Proporciona un servizo de aloxamento web de calidade para realizar actividades de comercio electrónico dunha maneira fácil e económica.

- EFEDEUNO.- Adicado ao sector da animación sociocultural oferta servizos de educación para a saúde, educación social, orientación laboral, educación á terceira idade, programas de prevención das drogodependencias, sensibilización…

- SMALL WONDERS.-Ofrece servizos de creación software de entretenemento adaptado ás plataformas de mercado, distribución on-line, publicidade en xogos, desenvolvemento de videoxogos, etc.

- LAS CACEROLAS DE JAVI.- Fusiona arte e cociña nun catering artístico. Presenta menús tradicionais cun toque na súa presentación,con produtos normalmente non asociados á cociña galega.

- Peter Schneider.- Oferta todo tipo de servizos de fotografía a través dun estudo de fotografía publicitaria dixital.

- ARTEMENUDO.- Pretende expoñer obras pequenas a través dunha galería. Trátase de dar valor ao arte pequeno amosando pezas de pequeno formato asequibles para todos os petos.

- BINARTY.- Dedícase ao deseño e desenvolvemento de sitios web accesibles, seguros, escalables e posicionados en buscadores. Ademais realiza auditorías de seguridade web para pequenas empresas e edicións de vídeo.