Imprimir

"O TRABALLO EN COMÚN LEVARÁ Á CIDADE CARA O FUTURO, O PROGRESO E A SÚA CONTINUA MODERNIZACIÓN"


13/10/2009 Intervención do Alcalde de Lugo no peche da Porta de Santiago que puxo fin ao San Froilán 2009

Co día de hoxe chegamos ao final das festas San Froilán 2009; pero non entonen o ¡ Pobre de min! como fan os pamplonicas no San Fermín, porque xa imos preparar as do ano próximo, pasando antes polo Arde Lucus.

Atopámonos na Porta de Santiago, feita por un gran bispo, O Bispo Izquierdo, cuxas obras, porque eran importantes, permanecen superando a loita do tempo. Vémolo na Fonte da Praza do Campo ou nesta porta, que lle disputa á porta Miñá ser saída do Camiño de Santiago.

Estamos diante da mellor das testemuñas de Lugo, do paso do tempo e do seu devir. Refírome claro está a nosa Muralla, o emblema da nosa cidade.

Paréceme que cada pedra da Muralla é un lucense, cada unha delas represéntanos a cada un de nós. A Muralla somos todos, cada pedra é un lucense que foi, que somos e seremos.

A cidade, os veciños do centro, dos barrios e da zona rural, estamos representados neste anel circular feito pola historia pero tamén por cada un de nos, cando facemos o que temos que facer. A Muralla somos todos, pero como somos bos e xenerosos tamén queremos compartila coa humanidade.

O ano 2010 será Ano Xacobeo polo que esperamos que sexa lugar de paso para milleiros de persoas de España e de fora dela.

Queremos que neses Camiños cara Santiago, resplandeza o triángulo máxico do Patrimonio Mundial en Galicia que Lugo forma xunto con Santiago e A Coruña representado pola cidade de Santiago, a Muralla e a Torre de Hércules. Queremos que os homes e mulleres que pasen por eles leven as nosas virtudes e as grandezas das nosas cidades e da nosa terra ata a fin do mundo.

Tamén o ano próximo Lugo celebrará o 10º aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Creo que cada día debemos estar máis contentos do traballo en común que fixemos os lucenses, xunto con outros moitos homes e mulleres de Galicia e de fora.

Lembro nestes momentos a pancarta que pendurada do balcón do Concello na que dicía:

“Conseguímolo entre todos”

Porque así foi, ao igual que acontece coas grandes obras que permanecen no tempo e que non son nin miñas nin túas xa que requiren da colaboración de todos: institucións, iniciativa privada, entidades, cidadáns…


Ese é o camiño a seguir para que, dentro de cen anos, cando se volvan abrir e pechar estas portas da Muralla se fale de todos e cada un de nós polo noso traballo en común por Lugo.

Un traballo que levará á cidade cara o futuro, ó progreso e a súa continua modernización. Por iso debemos establecer un compromiso diario a favor da cooperación polo ben da nosa cidade

Por iso che pido Señor Santiago, nun día como hoxe, e ao pé da nosa Muralla e da túa porta que se faga realidade o convenio que o Concello ten xa asinado pola posta en valor da nosa Muralla.

O San Froilán converteuse unha vez máis na festa que nos une a todos os galegos e os chegados de fóra. Lugo converteuse de novo nunha cidade de unión e de reunión.

Unha festa que conxuga á perfección o urbano e o rural, cousa que nos identifica como lucenses, representando á Galicia enteira e diversa, á Galicia plural na que vivimos

Pero temos que pensar tamén nos problemas nos que vivimos e na solidariedade que temos que exercer cos que aínda teñen menos ca nós. No mundo hai para todos, pero temos que aprender a repartilo desde a xustiza e desde a igualdade. Iso é o que significa solidariedade.

Pero os problemas non se enfrontan desde o medo, a covardía, o conformismo senón que hai que facerlles fronte con traballo en común, con compromiso, coa renovación das ideas, con esperanza, coa mesma ilusión que vivimos estes días de festa.

Por iso non lle teñamos medo nin ao presente nin ao futuro porque o San Froilán e o espírito de Lugo están con nós.

Grazas a tantos e tantos que fixéstedes posible estas festas do San Froilán 2009 e a todos os lucenses por recibir aos de fóra cos brazos abertos e aos de fóra por vir vernos e estar con nós. As portas da Muralla sempre estarán abertas para todos os homes, e todas as mulleres, para todas as razas e todas as cores, como dicía o noso poeta Fiz Vergara Vilariño.

Espero e desexo que a apertura das portas deste ano contribúa a dignificar un pouco a clase política que temos no servizo público e na mellora da calidade de vida dos cidadáns a nosa verdadeira razón de ser.

Gracias a todos.