Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A I Xuntanza de Alumnado Mediador de Galicia celebrada en Lugo foi valorada positivamente polos participantes


# Martes, 20/10/2009
Os alumnos de once IES galegos e un de León consideraron moi útiles e interesantes as actividades desenvolvidas nestas xornadas

Imaxe Asociada
A Concellería de Educación, que dirixe Dolores Vieiro, fixo público esta mañá o balance da I Xuntanza de Alumnado Mediador dos centros educativos de Galicia organizada pola súa Concellería a través do programa Vivir Xuntos, Convivir na que participaron preto de 50 alumnos de diferentes IES de Galicia e León.

Na xuntanza final, realizada o domingo pola mañá e presidida por alumnos e alumnas designados polos seus compañeiros, valoráronse os diferentes obradoiros e actividades e formalizáronse iniciativas e propostas para a mellora da mediación escolar. Tanto a xuntanza en xeral, como cada unha das actividades en particular foron altamente valoradas polo alumnado participante, que a consideraron moi útil e interesante.

Os alumnos e alumnas realizaron suxestións para a mellora de futuras xuntanzas e presentáronse propostas para o futuro da mediación escolar:
1.- Máis garantías, respecto da confidencialidade por parte do profesorado e dos equipos directivos dos centros.
2.-Que o profesorado se preste a resolver os problemas a través da mediación.
3.- Máis apoio para a formación de mediadores.
4.- Dispor de espazos específicos para a realizar as mediacións.
5.- Dispor de tempo específico para a mediación, sen ocupar os recreos, porque frecuentemente non hai tempo suficiente.

Por parte da organización, considérase que se cumpriron amplamente os obxectivos previstos e que a actividade serviu para mellorar a capacidade de transformar e resolver conflitos, para desenvolver o sentido de responsabilidade e autonomía dos mediadores e mediadoras asistentes.

Dende a organización considérase que foi todo un éxito e máis tendo en conta que se trata da primeira vez na que se organiza unha xornada de alumnos mediadores en toda Galicia. Acadáronse perfectamente os obxectivos perseguidos con esta xuntanza xa que foron os propios rapaces e rapazas os que falaron sobre a convivencia nos centros e debateron sobre o seu papel na resolución de conflitos e na educación en valores como o respecto, a tolerancia ou o diálogo.

Ao longo dos catro días que durou a xornada, cada grupo recibiu oito horas de formación en habilidades e técnicas de mediación presentadas de forma eminentemente práctica. Os asistentes viron modelos de mediación e participaron en xogos de rol nos que representaron mediacións en casos supostos para practicar as diferentes habilidades necesarias para a mediación.

Ademais, os rapaces e rapazas dos 12 centros participaron en obradoiros sobre o código deontolóxico do mediador, o psicodrama, e sobre a difusión da mediación.

Fóra do período de actividade, os participantes tiveron ocasión de disfrutar de diferentes actividades de ocio e entretenemento como contacontos, teatro, unha visita á cidade, ou unha homaxe a X. R. Jares, fundador de Educadores pola Paz, coa proxección dun vídeo con imaxes de diferentes momentos da súa vida. Ademais, o alumnado realizou unha visita á cidade.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova