Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo convoca para o próximo 2 de novembro a Comisión de Seguemento das vivendas da Ponte


# Mércores, 21/10/2009
* A administración local conta xa coas 15 vivendas para as familias adxudicatarias

Imaxe Asociada
A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, deu conta hoxe tras a reunión semanal da Xunta de Goberno Local, de que o próximo dous de novembro está convocada a reunión da Comisión de Seguemento das vivendas da Ponte, unha vez que o Concello de Lugo xa rematou a adxudicación dos inmobles para o realoxo dos chabolistas.

Na reunión, as tres administracións implicadas, a Local, a Galega e a Estatal, tratarán o xeito no que se fará o reparto das vivendas entre os beneficiarios, así como os problemas existentes como o referido á licenza de primeira utilización dun dos edificios nos que serían aloxados os chabolistas, sito na rúa Fermín Rivera.

O Concello de Lugo cumpriu cos compromisos acadados na última xuntanza ao ter realizado a compra por parte do Executivo local de 8 pisos en 2008 e 7 en 2009.

A Xunta de Goberno local celebrada hoxe adxudicou de xeito provisional a última das vivendas por un importe de 81.000 euros e elevou a definitiva a adxudicación de tres vivendas máis por un importe de 298.989 euros.

Construción do CETAL
Así mesmo, a Xunta de Goberno Local aprobou 4 licenzas de obra, unha delas referida á construción do edificio sede do centro tecnolóxico agroalimentario de Lugo, Cetal, destinado a usos administrativos-oficinas e futuros laboratorios e área de investigación.

En relación co planeamento, a Xunta de Goberno decidiu remitir de forma preventiva todas as licenzas relacionadas co ámbito de protección dos bens catalogados á Consellería de Cultura, ata que exista unha sentencia firme en relación cos mesmos.

O voceiro municipal, José Rábade, deu conta ademais da aprobación da contratación do servizo de limpeza nos diferentes centros e dependencias municipais, así como nos colexios públicos do Concello de Lugo.

O contrato constará de dous lotes: un para os centros e dependencias municipais e outro para a limpeza dos colexios públicos do Concello de Lugo. O contrato para os dous lotes ascende a 6.975.370 euros.

Os centros escolares son un total de 17 aos que se suman 14 dependencias municipais.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova