O Concello de Lugo habilita unha liña de axudas para rótulos, toldos e placas dotada con 100.000 euros
# Mércores, 28/10/2009
* O Goberno Local acorda incrementar a información sobre o PEPRI e as axudas ao comercio
* Así o decidiu nunha reunión con representantes da CEL, Federación de Comercio de Lugo e a Asociación Provincial de Hostelería
O Executivo Local mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da CEL, Federación de Comercio de Lugo e da Asociación Provincial de Hostelería sobre as medidas adoptadas en relación á aplicación do PEPRI. Na mesma, a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Delegada de Urbanismo, María Novo, trasladáronlles o acordo de incrementar a información en relación co PEPRI, así como as axudas ao comercio para a adaptación e acondicionamento de rótulos, toldos e placas.
Así, o Concello de Lugo levará a cabo a semana próxima novas reunións con todos aqueles afectados pola zona PEPRI para informalos das axudas que existen relacionadas cos rótulos, toldos e placas. En relación coas multas polo incumprimento da Lei, pediráselles aos afectados que sigan a norma para o que poden acollerse ás axudas que concede o Executivo local.
Neste sentido, nos próximos días abrirase unha nova liña de axudas do Plan Urban para a zona PEPRI dotada con 100.000 euros. A subvención recolle axudas asumidas ao 50% por cada unha das partes.
As reunións veñen a sumarse ás xa mantidas polo Goberno Local anteriormente co obxectivo de que todos os afectados estean informados do que esixe o PEPRI e das posibilidades de axuda que ofrece o Concello. Estímase que participen nas mesmas máis de 300 persoas.
Nas reunións entregarase material informativo e divulgativo sobre o PEPRI, a súa zona de actuación, así como as medidas levadas a cabo polo Executivo para a adaptación da norma, subvencionadas a través do Plan Urban.
Así mesmo, o Concello de Lugo seguirá prestando de xeito puntual toda a información que o comercio e os afectados precisen a través da Oficina Urban situada nas dependencias municipais, na Praza Maior.
www.lugo.es/urban
Compartir: