Imprimir

O GOBERNO LOCAL APROBA A CONXELACIÓN DA TOTALIDADE DOS TRIBUTOS MUNICIPAIS COMO MEDIDA DE APOIO E ALIVIO FISCAL A FAMILIAS E EMPRESAS ASENTADAS NA CIDADE


29/10/2009 * É o terceiro ano consecutivo no que se conxela o IBI e o IVTM
* A proposta en relación co cobro da auga basease no consumo real, tal e como viña reclamando a oposición

* As novas taxas inclúen, así mesmo, a ampliación das exencións e bonificacións nas taxas pola prestación de servizos sociais

O Executivo Local aprobou hoxe en Xunta de Goberno Extraordinaria a conxelación dos tributos municipais como medida de apoio e alivio fiscal a familias e empresas asentadas na cidade. O obxectivo, tal e como destaca o Goberno, “persegue que o capital circule e se traduza nun maior consumo das familias”.

Á conxelación do IBI e do Imposto de Vehículos, que se aplica por terceiro ano consecutivo, súmase por vez primeira a conxelación das licencias urbanísticas, de apertura, IAE, plusvalías, ocupación da vía pública por andamios e guindastres, lixo, terrazas ou tarifas do CEI, entre outros.

A medida pode ser levada a cabo gracias “á seriedade e xestión eficaz dos recursos por parte do Executivo Local”. Así o Executivo defende a boa xestión económica do Concello tal e como evidencian as contas anuais municipais, a eficiencia na xestión económica, o resultado orzamentario positivo ou o índice de endebedamento, moi alonxado dos límites legais establecidos.

Así mesmo, o Goberno Local deu conta do mantemento das bonificacións existentes como aquelas que se refiren a licencias urbanísticas: rehabilitación dentro do PEPRI ou ARI, instalación de calefacción e ascensor a inmobles de máis de 15 anos, pintura e tratamento integral de fachadas, substitución de cubertas e elementos externos de fachadas tanto na zona urbana como rural, obras de accesibilidade, etc.. En relación co imposto de vehículos mantéñense as bonificacións para vehículos de persoas con discapacidade, vehículos antigos ou ecolóxicos.

Neste sentido, continúan as bonificacións de plusvalías por transmisión por causa de morte a familiares no caso de vivenda habitual, así como as bonificacións de IBI e IAE por familias numerosas ou incremento de plantilla, respectivamente.

Ampliación das bonificacións en materia de servizos sociais
As novas taxas inclúen, así mesmo, a ampliación das exencións e bonificacións nas taxas pola prestación de servizos sociais. A medida fai referencia á ordenanza de centros de día, non suxeitos á taxa os usuarios cuxa renda persoal sexa inferior ao IPREM. Tamén haberá bonificacións e exencións para o servizo de axuda no fogar e os usuarios de ociotecas e aulas abertas.

Cobro da auga
Ademais da conxelación das taxas municipais, o Goberno Local propón elevar ao pleno un novo método para o cobro da auga baseado no cobro por metro cúbico, por consumo, tal e como viña reclamando a oposición. Os técnicos municipais eleboraron un informe que garante a viabilidade deste tipo de cobro, sobre a base dunha taxa fixa por contar co servizo.

A nova proposta do Concello de Lugo propón que o 38% dos usuarios, máis de 21.000, vexan reducida a súa factura. Trátase daqueles que consumen menos de 17 metros cúbicos, de xeito que o comercio sería un dos principais beneficiados coa nova tarificación.

A proposta, tivo en conta as propostas dos grupos políticos con representación no Concello mantendo as bases nas que se fundamentaba: o pago por consumo real, o equilibrio, a sustentabilidade mediambiental e a suba gradual para os consumidores.

A cota de abono situaríase en 9 euros ao trimestre, 3 euros cada mensualidade. Trátase dunha cota semellante a doutras cidades galegas que empregan o mesmo método de facturación. Deste xeito, báixase a cota de abono proposta nun inicio, mantendo a filosofía de incentivar o consumo de auga. Así, o Goberno Local propón un sistema tarifario que non prexudica a maioría dos contribuíntes senón que beneficia a aquel que menos consume.

Trátase dunha proposta baseada na xustiza, págase polo consumo; equilibrio, ninguén sae prexudicado posto que a proposta é gradual; e medioambientalmente sostible seguindo a normativa europea.

A nova tarificación plantexa 5 tramos en función dos cales se establecen as cotas. O tramo 1 vai de 0-10 metros cúbicos e custará 0,11 euros, o tramo 2 de 10 a 30; 0,18 euros, o tramo 3 de 30 a 60 por valor de 0,60 euros, o tramo 4, de 60 a 100 por 0,90 euros e o tramo 5, máis de 100 metros cúbicos a 1,10 euros.

Baséase nun trameiro progresivo, o que significa que o consumo dependerá dos tramos que atravese, tarifando cada un deles en función do consumo ao que corresponda.

Comunidades veciñais
Así mesmo, a nova proposta refírese ás comunidades veciñais que verán reducida a súa factura ao modificar o sistema de cobro, de xeito que paguen en función do que consume cada un dos pisos e non atendendo ao tramo superior, tal e como viña sucedendo ata o de agora. Para establecer o tramo a aplicar terase en conta o número de vivendas do edificio e non pagarán cota de abono a maiores da cota propia de cada vivenda.

Familias numerosas
O Concello de Lugo consideraba inxusto que paguen o mesmo as familias de menos membros polo que na súa proposta recolle unha bonificación para as familias numerosas. A bonificación regularíase a través dunha cota fixa inferior aos 9 euros.

As medidas adoptadas hoxe pola Xunta de Goberno serán sometidas ao Pleno.