Imprimir

TODAS AS ASOCIACIÓNS CONSULTADAS MANIFESTARON O SEU APOIO AO BORRADOR DA ORDENANZA DE CIVISMO PROPOSTA POLO GOBERNO LOCAL


29/10/2009 * O equipo de Goberno mantivo varias xuntanzas con 10 colectivos da cidade
* Nestas, incidiuse especialmente na tolerancia cero con respecto ao botellón

O equipo de Goberno do Concello de Lugo mantivo nos últimos meses varias reunións con diferentes colectivos da cidade para explicarlles o borrador da Ordenanza de Convivencia elaborada pola Concellería de Protección da Comunidade.

O obxectivo era coñecer as opinións e aportacións que dende os diferentes colectivos que quixeran realizar á ordenanza. Participaron nestas xuntanzas:
- UNAVE
- Federación de Asociacións Veciñais.
- Asociacións non federadas.
- Asociacións deportivas.
- Asociacións de carácter social
- Asociacións culturais.
- Asociacións de Colexios profesionais
- Asociacións empresariais
- Asociacións xuvenís
- Consello Escolar

O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, explicou que “todas estas asociacións mostraron o seu apoio ao borrador da ordenanza, facendo especial fincapé na tolerancia cero con respecto ao botellón”.

Algunhas das peticións formuladas nestas xuntanzas foron: a creación de charlas informativas sobre a ordenanza para os nenos e nenas en idade escolar a través das ANPAS e direccións dos centros educativos, o fomento da educación no ámbito familiar como medida preventiva para as actitudes indesexadas e o control da venda de bebidas alcólicas en establecementos a menores de 16 anos.

O Concello estudará a petición dos graffiteiros para que, en lugar de pedir permiso para facer un graffiti se faga un listado de muros nos que se poida pintar. Así mesmo, terase en conta a posibilidade de construír máis instalacións para que os Skaters poidan patinar nun lugar do centro da cidade.

Todos os grupos coincidiron en que si é posible o infractor repoña a través de traballo social en beneficio da comunidade o dano causado.

O Concelleiro indicou que “no esencial hai absoluta coincidencia entre todos os colectivos e que o obxectivo de darlle a máxima difusión está cumprido”. Ademais, engadiu que “estes resultados veñen a reforzar a nosa proposta”.

Por outra banda o Concelleiro explicou que “a Comisión de Seguridade e Convivencia Cidadá da FEMP, presidida polo Alcalde de Ávila, Miguel Ángel García Nieto, redactou o 28 de xullo unha ordenanza tipo de seguridade e convivencia cidadá que ten unha coincidencia absoluta na maneira de abordar os temas coa de Lugo”.

Rábade anunciou que “o próximo paso será reunirse cos grupos da oposición para explicarlles o traballo que levamos feito e intentaremos levala para a súa aprobación inicial no pleno do mes de decembro”.