Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo contará con dúas escolas rurais rehabilitadas grazas aos obradoiros de emprego


# Venres, 30/10/2009
A iniciativa dará emprego a 21 persoas que rehabilitarán a escola rural de Airexe na parroquia de Labio e en Cabanas na parroquia de Santa Comba

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e os alcaldes doutros municipios da provincia, participaron esta mañá na presentación dos obradoiros de emprego Escolas Rurais subvencionados pola Xunta de Galicia. Neste acto participou tamén a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

O Alcalde manifestou a súa satisfacción por participar nun acto no que se coñece unha iniciativa que permitirá que a cidade continúe recuperando edificios moi importantes nas parroquias. “O Concello de Lugo sempre contou co apoio da administración galega neste labor polo que saudamos que o Goberno autonómico sexa consciente da importancia que ten para os Concellos rehabilitar e recuperar as nosas escolas rurais”, indicou.

Na actualidade, o Concello de Lugo ten rehabilitado e posto en valor a maioría destes inmobles nas parroquias, polo que o Alcalde manifestou que “de seguir a colaboración entre as administracións, pronto completaremos o percorrido”. Trátase dunha recuperación posible gracias ao compromiso decidido do Goberno galego e tamén á adecuación e idoneidade dos proxectos presentados polo Concello de Lugo.

“As vellas e deterioradas escolas rurais foron transformadas, grazas aos obradoiros de emprego, en centros de dinamización socio-culturais nos que se prestan servizos sanitarios, formativos, culturais e de ocio, converténdose en verdadeiros referentes nas parroquias para facer cidade desde o rural e trasladar os seus intereses e as súas demandas ao Executivo Local”, expuxo.

Neste sentido, o Concello de Lugo traballa agora na chegada da e-administración nestes edificios. Trátase de implantar a sociedade da información no rural e permitir que vivir no campo non sexa unha dificultade senón unha vantaxe.

O Alcalde reiterou a súa máxima de que “para nós ten os mesmos dereitos un veciño da zona urbana que un da zona rural. Por iso, traballamos sempre de xeito que a nosa prioridade sexan os veciños, independentemente de onde vivan”.

Con accións como as presentadas hoxe, contribúese ao desenvolvemento da zona rural, ao tempo que se traballa no fomento do emprego mediante a contratación de numerosos efectivos que levarán a cabo as melloras nas antigas escolas rurais. Estes empregados realizarán un traballo especializado e cualificado que permitirá abordar a problemática da formación e o emprego nos tempos que se están a vivir.

López Orozco indicou que o Concello de Lugo avanza así, coa colaboración da Xunta de Galicia, na conversión das 33 escolas rurais que existen no territorio municipal en centros de convivencia modernos, útiles, e abertos para todos os cidadáns, con independencia da súa idade. “Este programa colabora de xeito moi importante na posta en valor do noso patrimonio”, e engadiu “sabemos que a recuperación e rehabilitación adecuada e coherente dos bens patrimoniais, culturais ou naturais é un camiño axeitado de cara a dinamización do contorno económico, a creación de emprego e, en definitiva, a calidade de vida de todos os cidadáns”.

O Alcalde resaltou que os obradoiros de emprego e as escolas obradoiro veñen a mellorar a capacidade de inserción laboral dos alumnos e alumnas e reforzan as políticas de igualdade de oportunidades. Así mesmo, contribúen de xeito fundamental nas tarefas de rehabilitación e conservación do noso patrimonio cultural e natural.

Con este novo obradoiro de emprego, que está destinado a 21 persoas maiores de 25 anos, rehabilitarase a escola rural de Airexe (Labio) e outra en Cabanas (Santa Comba). Serán un total de 21 alumnos traballadores que realizarán o seu labor por un período de 12 meses.
 
O orzamento co que conta este obradoiro ronda os 500.000 euros.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova