Imprimir

O CONCELLO DE LUGO CELEBRA O DÍA DOS DEFUNTOS CUNHA SERIE DE ACTOS NO CEMITERIO DE SAN FROILÁN


30/10/2009 O luns día 2 de novembro terá lugar a ofrenda floral no Xardín das Lembranzas

Con motivo da celebración da festividade do día de Todos os Santos, o Concello de Lugo organizou unha serie de actos e medidas especiais de funcionamento no cemiterio municipal de San Froilán.

Xa dende o pasado luns, 26 de outubro, o recinto do cemiterio permanece aberto, en horario continuado, de 10 a 19 horas. Este horario de apertura manterase ata o luns, día 2 de novembro inclusive.

O día 1 haberá actuacións do grupo de música clásica Straniki. Serán dúas sesións, unha matutina de 12:00 a 13:00 horas e outra pola tarde de 17:00 a 18:00 horas.

O luns día 2 de novembro realizarase a tradicional ofrenda floral no Xardín das Lembranzas do Cemiterio de San Froilán. O acto terá lugar ás 12:00 horas e estará amenizada, de novo, polo grupo Straniki.

Ademais a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, fará nesta xornada unha presentación das últimas actuacións realizadas no cemiterio para imprimir ao campo santo un carácter significativo e ofrecer aos familiares e amigos un consolo e un refuxio emocional frente á dor pola perda dos seus seres queridos.

Tamén hai que recordar que con motivo da festividade o Concello de Lugo reforzará o día 1 o servizo de autobuses ao Cemiterio con tres liñas que realizarán o seguinte percorrido e horarios: saídas dende Sindicatos con destino ao Cemiterio e viceversa cada 20 minutos (ademais do servizo normal da liña base 5e, que realizará o seu itinerario e horario habitual).

Itinerario dos servizos especiais:

-Sindicatos, Ronda da Muralla, Rúa Santiago, Ponte Vella, Carretera de Santiago, Cemiterio. Cada 20 minutos dende as 9:00 ata as 19:00 horas.

-Cemiterio, Carretera Vella de Santiago, Ponte Vella, Ronda da Muralla, Sindicatos. Cada 20 minutos dende as 9:20 horas ata as 19:20 horas.

Ademais, como cada ano, pola festividade do día de Todos os Santos, dende o xoves 28 de outubro, estase a celebrar o tradicional mercado das flores nas instalacións da Praza de Abastos. Mañá, sábado 31, continuará aberto para que os cidadáns poidan atopar todo tipo de centros e de flores para decorara as sepulturas no cemiterio.