Imprimir

O 19º FESTIVAL DE JAZZ DE LUGO CONTARÁ CON PRIMEIRAS FIGURAS INTERNACIONAIS E NACIONAIS


2/11/2009 Esta nova edición terá lugar do 9 ao 14 de novembro

A Concelleira de Benestar e Igualdade, participou esta mañá na presentación da 19ª Edición do Festival de Jazz de Lugo que terá lugar do 9 ao 14 de novembro promovido polo Concello de Lugo a través da Concellería de Cultura e Turismo que dirixe Concepción Burgo.

O Festival está organizado pola Asociación de Amigos do Jazz “Escobijazz”, un colectivo de lucenses unidos pola súa aficción por esta música e que se constitúe como asociación cultural no ano 1990, coa colaboración do Concello de Lugo, a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, a Fundación Caixa Galicia, a Deputación Provincial e a Universidade de Santiago de Compostela.

Os concertos principais dos que consta o festival desenvólvense no Círculo das Artes e no Auditorio da Fundación Caixa Galicia, e serán de entrada gratuíta.

O festival dará cabida, tanto a estrelas e primeiras figuras internacionais (Kurt Elling, Roy Hargrove, Kenny Barron…) como a novos valores do Jazz europeo (Wolfgang Muthspiel, Chris Kase, Sofía Ribeiro..), o máis destacado do jazz estatal (Colina-Miralta-Sambeat, Ignasi Terraza, Jaume Tugores…) e como non, los representantes do mellor jazz galego (Pablo Seoane, Javier Pereiro, Michel González...)

Cabe destacar que o Festival de Jazz de Lugo é o decano dos que se celebran en Galicia e que polas súas anteriores edicións pasaron artistas do renome de Ron Carter, Lee Konitz, John Scofield, Kenny Garret, Roy Hargrove, Mike Stern, Tom Harrell, Yellowjackets, Avishai Cohen, James Carter, Metro, Patricia Barber, Christian McBride, Marc Copland, Philip Catherine, David Sánchez, Greg Osby, Mark Turner, Horacio " El Negro” Hernández, Chano Domínguez, Jorge Pardo, Pedro Iturralde, etc.; que se mantén á cabeza dos festivais galegos e que recolle a gran diversidade de estilos e tendencias que configuran o jazz actual.