Imprimir

O ALCALDE DE LUGO E A MINISTRA DE MEDIO AMBIENTE ASINARÁN O VENRES A SEGUNDA FASE DO PROXECTO DAS OBRAS DE ABASTECEMENTO


4/11/2009 * Esta fase garantirá que a cidade teña auga de calidade durante 25 anos
* As obras contarán cun orzamento de máis de 10 millóns de euros

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou esta mañá que o próximo venres asinará coa Ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, a segunda fase do proxecto das obras de abastecemento que garantirán que a cidade teña auga de calidade durante 25 anos. No acto tamén participará o presidente da Confederación do Cantábrico.

Lugo será o primeiro municipio do norte de España en reutilizar auga.

O venres asinarase a segunda fase das obras de mellora do abastecemento e saneamento de Lugo que ata agora se atopaban en fase de proxecto.

Os obxectivos que se pretenden cumprir con esta nova fase que se pon en marcha son:
-continuar a mellora da calidade do abastecemento de auga potable a Lugo.
- adaptar a configuración da rede para ter cubertos os futuros desenvolvementos da cidade (como a zona de influencia do novo hospital)
- Mellorar a interconexión dos depósitos en Marcelle
-Incorporar o telecontrol do nó de Marcelle para controlar desde o posto de mando da ETAP todas as válvulas e niveis dos depósitos
- Rehabilitar o depósito de auga potable de 10.000 m3 en Marcelle para poñelo en servizo.
- Incorporar o sistema de auga reutilizada, cambiando o depósito do Ceao e un dos depósitos de 10.000 m3 de Marcelle, previa rehabilitación deste último. Así haberá dous puntos de subministración de auga industrial na cidade: un en Marcelle e outro no CEAO.

Estas obras de modernización dos sistemas de saneamento e abastecemento do Concello garantirán á cidade de Lugo ter auga de calidade ao menos durante 25 anos converténdose nun modelo de xestión hidráulica ao ser o primeiro municipio do Norte de España en reutilizar a auga.

As obras de modernización dos sistemas de abastecemento e saneamento, e a rehabilitación das marxes dos ríos, contaron cunha inversión de 122 millóns de euros aportados polo Concello de Lugo e Acuanorte. A primeira fase destas obras está rematada e inclúe:
- Depósito en Penarrubia de 25.000 m3
- ETAP en Adai
- Unha hinca debaixo do Miño
- Unha hinca que pasa pola N-VI para levar unha tubería doble ata Marcelle.
- Unha hinca á altura da depuradora para pasar o Miño.
-Tubería e sistema de bombeo dende a depuradora ata a potabilizadora

Actualmente o Concello de Lugo dispón das infraestruturas suficientes para almacenar un total de 75.000 metros cúbicos para o abastecemento da cidade divididos entre os tres depósitos de 10.000 metros cúbicos e o de 15.000 de Marcelle, o de 25.000 metros cúbicos de Penarrubia e o de 5.000 metros cúbicos de O Ceao. Co desenvolvemento da segunda fase a cidade de Lugo terá garantido o abastecemento de 100.000 metros cúbicos, ao sumarse un novo depósito de 25.000 metros cúbicos en Peñarrubia. Destes 100.000 metros cúbicos, 15.000 (10.000 de un depósito de Marcelle e 5.000 de o Ceao) será de auga reutilizada.

As obras desta segunda fase contarán cun orzamento de máis de 10 millóns de euros.