Imprimir

UNHAS 20 EXPOSITORAS PARTICIPARÁN NO SEGUNDO ENCONTRO DE MULLERES RURAIS EMPRENDEDORAS


5/11/2009 A mostra englóbase no programa do Concello de Lugo organizado con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, o director do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, Juan San Ildefonso, e a Presidenta de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos, presentaron esta mañá o Segundo Encontro de Mulleres Rurais Emprendedoras que terá lugar o vindeiro sábado 7 de novembro e o domingo 8 nunha carpa situada na Praza de Anxo Fernández Gómez.

A Concelleira explicou que este encontro se engloba no programa de actos organizado polo Concello con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra o vindeiro 26 de novembro.

O obxectivo deste encontro é facer visible o papel das mulleres no eido do rural, e continuar traballando pola igualdade. Inténtase poñer en valor as actividades singulares que contribúen a crear un tecido económico no eido do rural de todas as zonas de Galicia.

Poderase disfrutar da presentación, información, exposición, degustación e venda de productos de toda Galicia elaborados, pilotados e dirixidos por mulleres. Haberá arredor de 20 expositoras, 12 delas da provincia de Lugo, que presentarán ao público as súas produccións ao longo de toda a xornada, o que fará visible o traballo das mulleres no medio rural e a importancia do seu aporte como motor económico e tecido fundamental do medio rural. Haberá produtos de alfarería, zoquería, derivados de produtos silvestres, bolillos, cerámica, xoiería, talla de madeira, licores, conservas, bordados, cerámica, decoración en coiro, deseño de traxe tradicional galego, tear tradicional, cestería, xabróns, etc.

A presidenta de FADEMUR indicou que con esta mostra se pretende demostrar que “hai moitas posibilidades de emprego no medio rural, hai que apostar polos productos do rural e recuperar os traballos e oficios tradicionais propios da nosa cultura”, e engadiu “queremos que as mulleres saiban que poden ter unha alternativa de emprego na zona rual”.

A mostra estará aberta ao público o sábado de 11.00 a 20.30 horas e o domingo de 10.00 a 18.00 horas.