Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PRESENTA UN NOVO NÚMERO DA REVISTA DE CREACIÓN POÉTICA XISTRAL


5/11/2009 O volume recolle o traballo de preto de 50 autores noveles e consolidados

O Salón de Plenos do Concello de Lugo acolleu esta tarde a presentación dunha nova edición da Revista Lucense de Creación Poética Xistral, a cargo da Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e Camilo Gómez Torres, coordinador da publicación.

Este novo número conxuga novamente traballos de autores noveles e tamén doutros consolidados no panorama literario galego como Manuel C. Matalobos,  Luz Pozo Garza ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros. A Concelleira indicou que “é unha porta aberta para todos os amantes da poesía que teñen nesta publicación un lugar para dar a coñecer a súa obra”, e engadiu que “axuda á creación poética e á cultura galega”.

A revista foi creada no ano 1949 por Manuel María e dela só saíron dous números. Por iniciativa do Concello recuperouse a cabeceira desta publicación anual no ano 2000 para continuar de xeito ininterrompido. É habitual neste tempo a presencia de distintos autores galegos, sobresaíndo a presencia dos autores lucenses.

Na presentación repartíronse exemplares gratuítos desta publicación que auna o traballo de preto de 50 autores e as ilustracións de José Blázquez e Manuel Carreira. Ademais, algúns dos poetas leron ante os asistentes algunhas das súas creacións literarias.

Nos dez números que compoñen a segunda fase da publicación desta revista foron 99 os autores que publicaron as súas creacións literarias, 38 deles novos poetas.