Imprimir

O EXECUTIVO LOCAL ESTUDARÁ TODAS AS ACHEGAS QUE A OPOSICIÓN REALICE AOS PROXECTOS QUE NO ANO 2010 INCLUIRÁ O FEIL


6/11/2009 * O Alcalde de Lugo mantivo unha xuntanza cos portavoces dos grupos políticos na que lles trasladou as ideas de partida do Goberno

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, mantivo hoxe unha xuntanza cos portavoces dos grupos políticos con representación no Concello para darlles conta das ideas nas que traballa o Goberno Local en relación cos proxectos que o ano próximo poderán ser financiados a cargo do FEIL.

López Orozco expuxo que entre as prioridades do Goberno se atopan, entre outras:

- Plan Director do Parque de Frigsa
- Plan Director do Parque de Rosalía
- Acondicionamento do MIHL e do seu contorno
- Saneamento e abastecemento da zona rural
- Melloras de instalacións deportivas municipais
- Renovación de alumeado público e eliminación de barreiras arquitectónicas

Así mesmo, manifestoulles o seu interese por estudar as achegas que os grupos poidan facer ao FEIL para ver de darlle cumprimento ao maior número posible de proxectos con cargo ao fondo e tendo en conta os requisitos esixidos neste nova convocatoria.

A contía que este ano recibirá Lugo superará os 10 millóns de euros.

Trátase dun plan que, como recordou o Alcalde, permitirá levar a cabo importantes proxectos para a cidade, así como reactivar o emprego e a economía.