Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo inaugura a exposición (m)2 que mostra o salto xeracional entre mulleres


# Venres, 06/11/2009
O acto englóbase dentro do programa do Concello para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e outras autoridades, participaron esta tarde na inauguración da exposición (m)2 do fotógrafo Xosé Abad que se inclúe dentro do programa de actos organizado polo Concello de Lugo con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Esta exposición, que estará aberta en horario de mañá e de tarde ata o 26 de novembro no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, está composta por 16 fotografías que retratan a mulleres de dúas xeracións diferentes: nais e fillas.

A intención do autor con esta mostra é ensinar o salto xeracional coas imaxes que reflicten unha diferencia notable no ámbito laboral e, sobre todo, vital. As composicións constan de tres imaxes, na primeira delas pódese ver ás nais que responden á imaxe tradicional da muller, e na segunda ás fillas que representan á xeración que se incorpora ao mundo do traballo e á sociedade dende unha posición contraposta aos estereotipos tradicionais. Na terceira das imaxes as dúas mulleres aparecen xuntas, próximas e cómplices.

Así, na exposición pódense ver fotografías de mulleres dedicadas a profesións tan diferentes como son a gandería, a sanidade, as labores do fogar, a seguridade pública ou a instrución de voo, entre outras.

As composicións están complementadas por uns textos que recollen os datos máis significativos e as opinións das protagonistas.

Pero a mostra non se queda só nas fotografías, senón que vai acompañada dunha peza audiovisual realizada por Sandra García Rey na que se recollen anacos da conversa mantida coas mulleres protagonistas, os seus comentarios e opinións sobre o tempo que lles tocou vivir e a súa percepción sobre os cambios nos modos de vida.

Os autores
Xosé Abad é fotógrafo profesional dedicado ao fotoxornalismo durante unha boa etapa da súa carreira. Foi premiado con galardóns de prestixio como o Premio de amigos da UNESCO pola súa traxectoria profesional na información e á imaxe como compromiso solidario, ou o Premio Mestre Mateo 2004 á mellor produción de publicidade.

As súas mostras fotográficas foron expostas en Galicia, Madrid, Barcelona, Suíza, Portugal, Córdoba, Alemaña, Nova York ou Nicaragua.

A realizadora Sandra García Rey ten publicado as súas fotografías en prensa escrita e en libros como Lume e Terra. Desenvolveu diferentes proxectos audiovisuais, longametraxes como Argán, diferentes pezas audiovisuais para exposicións, documentais e vídeos didácticos.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova