Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Unhas 20 expositoras participan desde hoxe no Segundo Encontro de Mulleres Rurais Emprendedoras


# Sábado, 07/11/2009
A mostra englóbase no programa do Concello de Lugo organizado con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco; a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre; a de Economía e Emprego, Sonia Méndez; o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; a Vicepresidenta Segunda de Deputación, Lara Méndez; o Subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe; a Presidenta de FADEMUR Galicia, Rosa Arcos; a Presidenta de Fademur estatal, Teresa López e o Secretario de UUAA, Roberto García, participaron esta mañá na inauguración do Segundo Encontro de Mulleres Rurais Emprendedoras que se desenvolverá entre hoxe e mañá nunha carpa situada na Praza de Anxo Fernández Gómez.

Carmen Basadre explicou que este encontro se engloba no programa de actos organizado polo Concello con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, que se celebra o vindeiro 26 de novembro, actos nos que invitou a participar a todos os lucenses.

O obxectivo deste encontro é facer visible o papel das mulleres no eido do rural, e continuar traballando pola igualdade. Inténtase poñer en valor as actividades singulares que contribúen a crear un tecido económico no eido do rural de todas as zonas de Galicia.

Apoio das administracións
A Concelleira referiuse a un importante proxecto que está a levar a cabo o Concello co que se pretende fixar poboación no rural e darlles as mesmas posibilidades aos veciños e veciñas, independentemente do lugar do municipio no que vivan. Así, explicou que o Concello de Lugo decidiu rehabilitar as 33 escolas rurais coas que conta de cara a convertelas en centros de dinamización sociocultural.

Pola súa banda, Lara Méndez referiuse ao esforzo levado a cabo pola Deputación Provincial a prol do asentamento da poboación no rural. Así, citou o programa Lugo II que pretende potenciar o rural e as reservas da biosfera, a posta en valor do patrimonio ambiental. En segundo lugar referiuse á implantación das novas tecnoloxías, a e-administración en toda a provincia o que favorecerá a cohesión social.

Pódese disfrutar da presentación, información, exposición, degustación e venda de produtos de toda Galicia elaborados, pilotados e dirixidos por mulleres. A feira conta con arredor de 20 expositoras, 12 delas da provincia de Lugo, que presentan ao público as súas producións ao longo de toda a xornada, o que fará visible o traballo das mulleres no medio rural e a importancia do seu aporte como motor económico e tecido fundamental do medio rural. Hai produtos de alfarería, zoquería, derivados de produtos silvestres, bolillos, cerámica, xoiería, talla de madeira, licores, conservas, bordados, cerámica, decoración en coiro, deseño de traxe tradicional galego, tear tradicional, cestería, xabróns, etc.

A presidenta de FADEMUR indicou que con esta mostra se pretende demostrar que “hai moitas posibilidades de emprego no medio rural, hai que apostar polos produtos do rural e recuperar os traballos e oficios tradicionais propios da nosa cultura”, e engadiu “queremos que as mulleres saiban que poden ter unha alternativa de emprego na zona rural”.

A mostra estará aberta ao público o sábado de 11.00 a 20.30 horas e o domingo de 10.00 a 18.00 horas.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova