Cargando....
Concello de Lugo
05/12/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo asina un acordo con sete empresas da cidade para acadar a inserción laboral de persoas con discapacidade


# Luns, 09/11/2009
* O programa Lugo Contigo II está dirixido a persoas que contan con máis dificultades de acceso ao emprego


Imaxe Asociada Imaxe Asociada
* Esta nova edición permitirá que 100 persoas realicen prácticas remuneradas nas empresas da cidade
* Este ano o programa amplía o número de beneficiarios de 55 a 100
* As empresas comprométense a contratar alomenos un de cada tres traballadores

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, asinou esta mañá un convenio de colaboración con sete empresas da cidade para a realización de prácticas con compromiso de contratación ao abeiro do programa de emprego Lugo Contigo dirixido a persoas que contan con máis dificultades de acceso ao emprego, en especial persoas con algunha discapacidade, co obxectivo de reducir o índice de  desemprego neste colectivo. Na presentación pública o Alcalde estivo acompañado pola Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, así como polos representantes das empresas que rubricaron o convenio e as asociacións colaboradoras.

O Concello de Lugo está a traballar por acadar a inserción laboral dos cidadáns, e en particular daqueles que teñen maiores dificultades no acceso ao mercado laboral. Por iso pon en marcha programas integrados para o emprego, como Lugo Contigo, que está xa na súa segunda edición. Nesta nova entrega do programa as empresas contarán con 100 persoas para facer prácticas, 30 delas ata decembro e as demais a partir do mes de xaneiro. As empresas comprométense a contratar alomenos un de cada tres dos traballadores que realicen prácticas na mesma.

López Orozco destacou que se trata de levar a cabo unha discriminación positiva das persoas discapacitadas en relación co acceso ao mercado laboral “adecuada á realidade social da cidade”. Así mesmo, indicou que o que pretende o Concello con este proxecto é que todo o mundo teña emprego e que estean integrados no seno da sociedade.

Co obxectivo de favorecer a inserción laboral das persoas que participan no programa o Concello estableceu incentivos coas empresas que reciban aos beneficiarios en prácticas co compromiso de contratación dun terzo dos traballadores. Os beneficiarios terán a oportunidade de realizar prácticas en diferentes empresas da cidade en distintos sectores propostos polas asociacións como a xardinería, limpeza ou servizos sociais. Ata decembro, serán un total de 30 traballadores en prácticas dos que as empresas contratarán a 10.

Urbaser: contará con 3 traballadores en prácticas
Arenal: contará con 3 traballadores en prácticas
Limpiezas Domiciliarias Lucenses SL.- contará con 3 traballadores en prácticas
Ingapan, SL.- contará con 12 traballadores en prácticas
Calfensa Proyectos, SL.- contará con 3 traballadores en prácticas
Alalás, SL.- contará con 3 traballadores en prácticas
Maderas Manuel Villamor, S.L., contará con tres traballadores en prácticas.

O Alcalde de Lugo, animou aos empresarios da cidade a continuar a facer apostas tan importantes coma esta e empregar a persoas con discapacidade, e indicou que pola parte que lle toca ao Concello “continuaremos a traballar para procurar o maior benestar posible aos cidadáns”.

Lugo Contigo é un plan experimental de emprego, subvencionado pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia e que está realizado en colaboración coas diferentes asociacións de Lugo: ASPNAIS, Asociación de xordos, COGAMI, FADEMGA, AUXILIA, SINDROME DE DOWN e FEAFES.

Gran éxito da primeira edición
Tal e como destacou o Alcalde de Lugo, na primeira edición do programa Lugo Contigo preto do 44% dos participantes atoparon un emprego. Este ano o programa amplía o número de beneficiarios de 55 a 100.

Compromisos
O Concello de Lugo asume coa rúbrica do convenio realizar a selección dos beneficiarios, tutorizar as prácticas e contratar un seguro para a cobertura das posibles continxencias.

Pola súa banda, as empresas comprométense a recibir aos traballadores en prácticas durante 100 horas, contratar alomenos un deles por un período de 6 meses a xornada completa, facilitar aos beneficiarios os materiais necesarios para desenvolver a súa función e colaborar coa tutorización das prácticas. A empresa recibe un incentivo de 915 euros por cada un dos beneficiarios que recibe en prácticas.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova