Imprimir

LUGOMÁXICO 2009 BATEU RÉCORDS DE ASISTENCIA E CONTINÚA A CONVERTERSE NUN REFERENTE DA MAXIA GALEGA


9/11/2009 Lugo foi durante unha semana a capital mundial da maxia

A sétima edición da Semana Internacional da Maxia de Lugo tivo un verdadeiro éxito de asistencia e continúa a converterse no gran referente da maxia de Galicia, segundo indicou a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo.

A Concelleira indicou que “somos un referente do noso país, temos unha programación moi boa e mellor que noutras cidades, temos unha gran experiencia, contamos cun gran colectivo de magos que está detrás da organización e unha gran afición á maxia, por todo isto estamos a ter unha gran repercusión”.

As tres grandes galas celebradas no Auditorio o domingo 1 de novembro, o venres 6 e sábado 7 conseguiron un verdadeiro éxito de asistencia de público, e no caso das dúas últimas chegouse a colgar o cartel de non hai entradas dende unha semana antes.
A maxia estivo presente en toda a cidade. Ó longo da semana centos de alumnos de varios colexios achegáronse ao Auditorio para asistir ás galas matinais, os estudantes da Universidade puideron disfrutar na Facultade de Empresariais co mago Rafael Benatar e Kaito e Vituco que ilusionaron coa súa maxia aos pacientes hospitalizados do Hospital Xeral.

A pesar de que o tempo non acompañou, foron moitos os lucenses que disfrutaron coa maxia na rúa. As actuacións ao aire libre de Esteban Quito, Kaito, Rafael Benatar deron un enorme colorido á cidade neste consolidado certame internacional. Ademais, como novidade este ano contouse con tres sesións de maxia extrema a cargo de Víctor Cerro que congregou a un bo número de persoas nos seus espectáculos-reto.

O certame reuniu na cidade a magos de prestixio internacional como o alemán Markus Zink, que actuaba por primeira vez en España co seu espectáculo considerado como o mellor do mundo, Miguél Gavilán cos seus trucos de palomas, o humor de Gaetam Bloom, a orixinalidade de Sylvester The Jester, a emoción de Mirko, as ilusións de Yunke, e ao maestro de cerimonias Jandro.

Exitosa foi tamén a actuación do Mago Teto, que ofreceu na cidade o seu espectáculo Maxia da Santa Compaña, co que demostrou que se pode mezclar o teatro e a ilusión.

E onde se volveu a conseguir o abarrote tamén foi nos espectáculos organizados no Mesón do Forno.

O éxito do certame animou aos organizadores da Semana da Maxia a traballar para organizar xa a Semana da Maxia do 2010. A Concelleira indicou que segundo os resultados deste ano “non cabe dúbida de que Lugo Máxico estase a converter nun referente para outras cidades e somos conscientes de que Lugo xa é, ao menos durante unha semana, capital mundial da maxia”.