Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A oficina de Europa Direct atendeu no que vai de ano 900 consultas


# Martes, 10/11/2009
* A maior parte dos usuarios interésanse por temas de emprego e estudo noutros países de Europa
*O Concello edita unha nova guía para informar á mocidade do que a Lugo pode ofrecerlle


Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, fixo hoxe balance da actividade rexistrada na Oficina de Europa Direct de Lugo, un dos 48 centros de información europea que existen en España e o único en Galicia que xestiona un Concello.

Méndez indicou que desde a súa posta en marcha, en xaneiro de 2009, foron preto de 900 consultas as realizadas, 528 visitas ao centro e 320 chamadas. A maior parte das consultas están relacionadas co emprego e coa posibilidade de solicitar becas para traballar e estudar en países europeos.

A Concelleira explicou que a páxina web de Europa Direct ten rexistrado máis de 4.500 visitas desde a súa posta en marcha no mes de xuño. Nesta páxina web infórmase das actividades que presta, así como das propias actividades que se desenvolven na UE e as súas institucións. A páxina recolle con carácter mensual a publicación dun boletín electrónico no que se da conta das noticias máis importantes xeradas no seno da UE, así como das convocatorias e premios relacionados coa temática europea.

“Todo este traballo vese reforzado co envío dos boletíns electrónicos, levamos un total de 11 enviados, que se fan chegar a máis de 200 contactos ao tempo que se penduran da web do Concello”, explicou Méndez.

A Concelleira indicou que a oficina está consolidando a súa función na cidade, ofrecendo un servizo rápido, directo, accesible para achegarse á Unión Europea desde Lugo. “O Concello pretende que os cidadáns, sobre todo os máis novos, se conciencien da necesidade de compartir e competir con Europa apostando por uns mozos formados e informados”, e engadiu que “co traballo que vimos levando a cabo avanzamos nesa cidade plural, diversa e chea de oportunidades que todos perseguimos”.

Desde esta oficina, ubicada na Avenida da Coruña 490 (Antigo cuartel de Garabolos). organizáronse diferentes actividades relacionadas coas prioridades da Comisión como o emprego, a transversalidade de xénero, así como xornadas de celebración de diferentes días europeos como o Día Europeo das Linguas, a semana europea da mobilidade, o día de Europa, etc.

Guía para a mocidade
Nesta rolda de prensa a Concelleira de Economía presentou, acompañada pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, unha nova guía do Concello de Lugo coa que “pretendemos que a mocidade lucense coñeza todo o que a cidade ten para ofrecerlle: a oferta cultural, a oferta deportiva e, moi especialmente, a oferta informativa en relación co traballo, o desenvolvemento educacional e empresarial”.

Basadre explicou que “se trata dunha fiestra aberta ao que ofrecen todas as Concellerías, un novo recurso que teñen os mozos e mozas para coñecer todo o que lles pode ser útil na cidade”.

Pola súa banda, Díaz Grandío, explicou que os mozos terán como referente do deporte nesta revista a nova Casa do Deporte do Concello, un lugar onde poden atopar toda a información precisa para levar a cabo iniciativas deportivas e participar nas diferentes actividades.

O volume conta cunha edición limitada que poderá verse ampliada e faise posible grazas a unha subvención da Unión Europea a través de Europa Direct e ten dous obxectivos: difundir e mellorar a relación coa cidade dos xoves, que coñezan todas as posibilidades que ofrece no ámbito formativo, cultural, deportivo, de ocio, asesoramento; e fomentar a súa relación con Europa.

Os exemplares da revista distribuiranse en todos os centros de convivencia de xeito gratuíto, así como naquelas dependencias municipais que teñen relación coa xuventude.

Recolle información sobre Europa Direct, o Cei-Nodus, o Espazo>Lab, a Casa das Linguas, a Casa da Música, a Casa do Deporte, as festas con maior tradición na cidade como o Arde Lucus ou o San Froilán, así como un plano coas ubicacións, contactos telefónicos e electrónicos dos lugares nos que a xuventude pode desenvolver as súas actividades de ocio, culturais, etc. Nas súas páxinas podemos atopar tamén información sobre a oficina de información xuvenil, programas específicos destinados aos mozos como o +xti, o servizo de préstamo de bicicletas Rebicíclate, ou o servizo municipal de prevención das drogodependencias, entre outros.

Ao tratarse dunha publicación destinada á xente nova buscouse unha linguaxe e unha maquetación moderna, áxil para a lectura e moi visual.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova