Imprimir

O CONCELLO DE LUGO REALIZARÁ OS TRABALLOS NECESARIOS PARA QUE A XUNTA APROBE O PXOM


16/11/2009 María Novo explicou hoxe que proximamente manterá unha reunión con Urbanismo da Xunta para abordar o informe remitido ao Concello

A Delegada de Urbanismo do Concello de Lugo, María Novo, explicou hoxe que, unha vez recibido o informe sobre o PXOM pola Xunta de Galicia, o Executivo Local realizará os traballos necesarios para que o Goberno Galego aprobe o PXOM o antes posible.

María Novo explicou que existen tres blocos sobre os que se pronuncia o informe:

1. Procedemento. A Consellería de Medio Ambiente entende que é Cultura quen ten que pronunciarse sobre o informe, polo que o Concello de Lugo decide enviarlle o Plan á Consellería que dirixe Jesús Vázquez.

2. Cuestións de planeamento e grafismo. Trátase de observacións recollidas no informe que levará un tempo argumentar, tal e como explicou María Novo.

3. Xustificación de solo. Aqueles aspectos relativos a edificacións, distancias, etc...

A Delegada de Urbanismo destacou que os grupos da oposición xa dispoñen do informe remitido por Cultura e explicou que unha vez se produzan as reunión coa Xunta - Cultura e Medio Ambiente- se convocará a comisión de planeamento.

Así mesmo, María Novo expuxo que o informe enviado pola Xunta de Galicia ao Concello de Lugo é similar ao planteado a outros municipios e destacou o feito de que o Goberno Galego “en absoluto cuestiona o modelo”.

O informe remitido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente non plantexa prazos, polo que, incidiu María Novo, “nos imos por a traballar para que saia o Plan e a Xunta poida aprobalo”.

A primeira das reunións coa Xunta celebrarase o próximo 27 de novembro coa Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Finca do Garañón
En relación coa edificación do Garañón, María Novo explicou que os técnicos traballan en varias propostas, se ben o Concello cre que a mellor das solucións é que a Xunta declare BIC o Parque de Rosalía.

Así mesmo, avanzou que o Concello ven de encargar un levantamento topográfico que dirá cómo están as obras actualmente. Cando se teñan estudado as propostas e se teña o levantamento, convocarase unha nova reunión, indicou.