Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa no acto de entrega de premios 'A USC crea, a USC innova' cuxo primeiro galardón recaeu nun proxecto lucense


# Martes, 17/11/2009
* O primeiro premio de ‘USC crea, USC innova’ recae no programa Initia
* Entregáronse outros tres premios nun acto celebrado este martes en San Xerome


O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou esta mañá na entrega de premios A USC crea, a USC innova cuxo primeiro galardón recaeu nun proxecto lucense.

O programa Initia é unha acción que busca iniciar na actividade investigadora ao alumnado de secundaria en situación social desfavorecida. A iniciativa desenvólvese nos laboratorios e centros de investigación baixo a titoría de profesores e investigadores da USC durante un curso académico, de modo que se integran nos equipos aprendendo o proceso de investigación científica, así como os métodos e técnicas utilizados nas distintas disciplinas das ciencias experimentais, sociais e humanidades.

Initia, que actualmente desenvolve a súa terceira edición, recibiu este martes 17 o galardón que o recoñece como o primeiro premio da convocatoria ‘USC crea, USC innova’. O seu promotor, o profesor Urbano Fra recibiu o galardón acreditativo de mans do reitor da USC, Senén Barro, nun acto celebrado no Salón de Graos do Colexio de San Xerome. Nel estiveron presentes ademais, entre outras autoridades civís e académicas, o alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco; o concelleiro de Relacións Institucionais de Santiago, Andrés Fariña Cadenas; o director xerente de Feuga, Francisco Javier Pereiro; e Pilar Blanco, en representación do mundo empresarial galego e membro do xurado.

Segundo explica o profesor Fra, Initia quere ser un instrumento para valorar e potenciar a capacidade deste alumnado e promover o seu interese pola ciencia, pola investigación e pola carreira investigadora, así como incentivar o valor e o recoñecemento social da ciencia.

Os outros tres premios concedidos por ‘USC crea, USC innova’ recaeron no proxecto ‘Aquí si’, segundo premio, que promove a profesora Mª Elena Vázquez Abal e en ‘Os obradoiros escolares como espazos de sensibilización’, proposto por Emma Mayo Pais e que logrou o terceiro. Tamén se concedeu un accésit a Carmen Pomar polo Programa de Enriquecemento para nenos con altas capacidades.

‘Aquí si’ pretende visibilizar aqueles locais comerciais, nunha primeira fase en Santiago, que teñan totalmente accesible a súa entrada. A proposta premiada avoga por sinalizar cunha vistosa pegatina os escaparates destes locais así como colgar na rede unha relación destes comercios, actualizable permanentemente.

Pola súa banda, os obradoiros escolares como espazos de sensibilización apostan por atender á diversidade funcional, seguindo os principios educativos de normalización, inclusión, non discriminación e igualdade efectiva no acceso e permanencia no sistema educativo de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo (ANEAE).

No desenvolvemento do obradoiro realizáronse distintas actividades sobre o mar co alumnado de segundo curso de primaria (7-8 anos) coa finalidade de explicarlles as posibilidades e limitacións de persoas cegas ou deficientes visuais para “ver o mar”.

Finalmente, o xurado decidiu outorgar un accésit ao Programa de Enriquecemento Extracurricular ASAC Galicia-USC, dirixido a nenos con altas capacidades. A iniciativa tenta fomentar unha boa autoestima, asertividade, responsabilidade, compromiso, sociabilidade e creatividade de rapaces con este perfil e idades de entre 6 e 17 anos. Desenvólvese na Facultade de Psicoloxía e nel participan arredor de cen familias de toda Galicia con nenos previamente diagnosticados por persoal especializado da administración e por centros especializados. Este é o único programa de enriquecemento de todo o Estado que se desenvolve nunha universidade con persoal da mesma e utilizando as súas instalacións e infraestruturas.

USC crea, USC innova
‘USC crea, USC innova’ pretende destacar iniciativas innovadoras impulsadas por persoal universitario para abordar cuestións do día a día de maneira creativa e orixinal. Con esta convocatoria, a USC sumouse á celebración do Ano da Creatividade e a Innovación, “demostrando como a innovación non debe guiar só as ‘grandes ideas’ que desembocan na creación dunha empresa de base tecnolóxica ou nun cambio de paradigma, senón tamén todas aquelas ‘pequenas ideas’ que de maneira creativa melloran a vida diaria”, subliñou Barro.

Podían presentarse, a título individual ou en grupo, todas aquelas persoas vinculadas estatutariamente á USC, funcionario e laboral ou estudantes de calquera nivel. As iniciativas debían atoparse en fases avanzadas de deseño ou xa rematadas e que sobresaísen pola súa creatividade e innovación á hora de afrontar unha cuestión ou un problema concreto do día do día. Na selección de propostas tívose en conta como criterios de referencia o carácter innovador, o creativo, viabilidade e madurez, sustentabilidade, impacto e proxección.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova