Imprimir

O CONCELLO DE LUGO APROBA OS NOVOS PREGOS PARA A XESTIÓN DO MATADOIRO QUE INCLÚEN A SUBROGACIÓN DO CONTRATO DE TODOS OS TRABALLADORES


18/11/2009 Para a elaboración destas bases tivéronse en conta as suxestións realizadas polos carniceiros

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo aprobou esta mañá os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas da contratación da xestión do matadoiro municipal, así como a apertura do procedemento de adxudicación.

Segundo indicou a Concellería de Economía e Emprego, Sonia Méndez, a proposta do Concello recolle que a nova concesionaria deberá subrogar todos os contratos dos traballadores da anterior adxudicataria.

A Concelleira resaltou que valoraranse, ademais das tarifas que oferten e as melloras nos servizos, a xestión de persoal incluíndo as melloras laborais, formación e a conciliación da vida familiar e laboral.

A concesión incluirá as obras necesarias de adecuación, as obrigatorias e as que a empresa oferte a maiores. Establecerase un período de carencia e non terá que pagar o canon por un tempo, en función das obras que realice. En tres meses despois da firma do contrato terá que presentar o proxecto de actuacións que será aprobado polo Concello e terá un período dun ano para levalo a cabo.

A concesión será por un total de 25 anos. Trimestralmente a concesionaria deberá presentar un informe para que o Concello poda facer o seguimento do número de reses sacrificadas, os ingresos obtidos pola aplicación das tarifas, etc. O novo prego inclúe un réxime sancionador máis completo.

Para a elaboración destas bases tivéronse en conta as suxestións realizadas polos carniceiros nas xuntanzas mantidas con eles.

Prazos
As empresas terán quince días para a presentación das súas propostas desde que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia. A Xunta de Goberno Local realizará a aprobación da adxudicación, en primeiro lugar de forma provisional e despois definitiva.

Outros puntos
Por outra banda, a Xunta de Goberno declarou deserta a contratación do servizo de subministración de comidas do Centro de Día Novo Antonio Gandoi, xa que se excluíu á única empresa licitadora por exceder o IVA o establecido nos pregos de cláusulas administrativas, polo que se invitará a tres empresas capacitadas.

Nesta xuntanza aprobáronse ademais unha licenza de primeira utilización, seis licenzas de obra e denegáronse dúas.