Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ADXUDICA Á EMPRESA EMETEL A INSTALACIÓN DA REDE WIMAX NAS ESCOLAS RURAIS


18/11/2009

O Concello de Lugo adxudicou hoxe nunha mesa de contratación a instalación da rede WIMAX-WIFI nas escolas rurais á empresa Emetel por un importe de 124.000 euros. A empresa foi escollida entre dúas, sendo a outra delas Telefónica que realizou dúas propostas.

A adxudicación concedeuse tendo en conta unha valoración técnica, así como un baremo que puntuaba a situación das escolas e a rendabilidade na instalación do sistema WIMAX nas mesmas en relación co seu uso e o estado das instalacións.

A previsión establece que en tres meses as escolas rurais dispoñan de conexión a internet. A mesa de contratación estivo composta por membros do Goberno Local, técnicos municipais e membros da oposición.

Así, a rede chegará ás seguintes escolas rurais nesta fase:
- Bóveda
- Calde
- Coeses
- San Pedro de Mera
- San Xoán do Campo
- O Veral
- Santa Comba
- Castelo

O Concello de Lugo espera dar cobertura de internet á totalidade das escolas rurais a través dos fondos que o Estado destina a Lugo con cargo ao FEIL.