Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PRESENTA O PROGRAMA DE VIEIROS ESCOLARES, VIEIROS SEGUROS


19/11/2009 * O obxectivo é recuperar o espazo público como itinerario seguro das nenas e nenos polas rúas da cidade para chegar aos centros escolares

* A Concellería de Educación promove a constitución do VII Goberno Municipal Infantil

A Concelleira de Educación, Dolores Vieiro, presentou esta mañá a nova iniciativa promovida polo Concello de Lugo: Vieiros escolares, vieiros seguros. Está destinada a impulsar a recuperación do espazo público como itinerario seguro das nenas e nenos polas rúas da cidade para desprazarse das súas casas ata o colexio, ao tempo que é un proxecto de cidade máis cívica, segura  e respectuosa cara ás persoas e a propia natureza que constitúe o entorno da sociedade lucense.

A Concelleira explicou que Lugo forma parte da Asociación Internacional de Cidades Educadoras, “o que supón fomentar todos os valores educativos da nosa cidade e todas as súas posibilidades formativas”. Por iso, este programa pretende fomentar a autonomía e a mobilidade sostible das nosas nenas e nenos co protagonismo de todos os axentes sociais.

Os destinatarios directos do proxecto son os nenos e nenas dos colexios, os mestres son os axentes necesarios para o desenvolvemento do proxecto nos centros educativos, sendo un traballo que vai máis alá do tradicional na aula. Os pais e nais son o modelo social encargado de fomentar nos nenos comportamentos e actitudes normalizadas. Para levar a cabo este proxecto é necesaria a implicación de toda a poboación de Lugo: comerciantes, voluntarios, asociacións, empresarios…

A Concelleira explicou que para levar a cabo esta iniciativa vaise comezar por facer un diagnóstico da situación existente a partir da recollida de información por medio dunha enquisa de hábitos de mobilidade en varios colexios para debuxar os posibles itinerarios, determinar a intensidade de fluxos, coñecer os medios de transporte máis empregados e identificar os puntos de perigo en conflito. Estudarase logo as solucións viables aos problemas detectados nunha comisión de traballo para poñer en práctica o proxecto en sí. Vieiro indicou que previsiblemente a posta en marcha destes vieiros comezará nos centros de Primaria e Secundaria da zona Centro da cidade.

Goberno Infantil
Por outra banda a Concelleira explicou que “neste curso 09/10 achegamos a todos os centros educativos unha proposta lúdica de actuación para desenvolver nas aulas de 5º e 6º de primaria; estamos a enviarlles unha proposta na que se reflicte unha nova idea de concibir o goberno municipal infantil a través de experiencias e actividades centradas en cada unha das áreas de Goberno que configuran o Concello de Lugo”.

Como todos os anos o alumnado deberá elaborar un proxecto de cidade enfocado naquelas áreas que os afectan máis directamente. En cada centro escolar elixirase un proxecto que será defendido por unha nena ou neno que o expoñerá no Concello ante os demais representantes de cada centro escolar nos días 26 e 27 de novembro. O prazo para presentar os proxectos remata o 23 de novembro, debendo enviarse á Concellería de Educación en sobre pechado.

A previsión para proclamar a VII corporación municipal infantil é a do día 4 de decembro. O novo goberno infantil manterá reunións periódicas cos concelleiros que conforman a actual corporación na que poderán expoñerlles as súas propostas, así como reunións periódicas coa Concelleira de Educación nas que ademais poderán desenvolver as actividades que este ano se lles achegaron desde a nosa Concellería.

O Goberno Municipal Infantil creouse fai sete anos coa finalidade de que as nenas e nenos sexan capaces de experimentar como funciona un sistema democrático, ademais de saber cal é  e como funciona a máxima institución de representación da cidade.

“A idea é que as nenas e nenos aprendan a vivir en democracia, que se conciencien de que a cidade constrúese entre todos os cidadáns e que,  experimenten as responsabilidades que debe ter un representante político”, explicou Vieiro.