Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Un estudo encargado polo Concello de Lugo revela que a cidade non ten problemas específicos de uso do tempo


# Venres, 20/11/2009
* O estudo foi elaborado pola Fundación Mujeres e foi presentado hoxe nas xornadas sobre Usos do tempo na cidade de Lugo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
* A Concelleira de Benestar Social e Igualdade e o Subdelegado do Goberno en Lugo apelaron á necesidade de acadar maior corresponsabilidade no uso do tempo por parte de homes e mulleres


A Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Carmen Basadre organizou hoxe no CEI as xornadas Usos do tempo na cidade de Lugo nas que se deu a coñecer un informe elaborado pola Fundación Mujeres que revela que a cidade non ten problemas específicos de uso do tempo.

Así o trasladou a socióloga da Fundación, Rocío Fraga, quen destacou que a cidade de Lugo se atopa cos mesmos problemas do uso do tempo que as demais cidades galegas. O estudo analizou o tempo de traballo, os tempos de xestión, os tempos de desprazamento, os tempos de coidados, os tempos de consumo, os tempos de lecer e os tempos das novas tecnoloxías.

Carmen Basadre explicou na súa intervención que o Concello de Lugo traballou na elaboración dun plan de programación do tempo na cidade motivo polo cal se encargou o estudo que hoxe se deu a coñecer. Trátase dun plan que foi exposto e abordado polo Concello, así como polos sindicatos, asociacións, federación do comercio e empresarios, entre outros.

A iniciativa pretende que os cidadáns coñezan os usos do tempo e cómo poden administralos e aproveitalos de cara a alcanzar unha maior comodidade e beneficio na realización da súas actividades laborais e persoais.

As conclusións do informe establécense en función das tipoloxías do tempo. Así, o informe refírese ao tempo de traballo no cal se detecta unha dificultade na conciliación, polo que se lle recomenda ás empresas a necesidade de favorecer a conciliación laboral e familiar.

Os tempos de xestión aparecen como complicados por mor dos horarios laborais, sobre todo aqueles referidos aos trámites administrativos e á banca. Como solución importante aparece a posibilidade de realizalos a través das novas tecnoloxías, aspecto no cal o Concello de Lugo está traballando a través da implantación da e-administración.

O estudo aprecia, así mesmo, un uso abusivo na cidade do transporte privado e particular, véndose necesario a intensificación dos servizos públicos, que só será efectiva se a xente adquire o hábito de trasladarse a través dos autobuses urbanos.

En relación cos tempos de coidado o estudo recolle o importante labor do Concello na prestación de servizos que permiten a conciliación laboral e familiar unha vez a presenza da muller no mercado de traballo se fixo moito maior. Destaca a presenza de ociotecas, bibliotecas, centros deportivos...

Os tempos de consumo tampouco representan problema algún, posto que existe o comercio tradicional e os centros comerciais, co cal a oferta en termos de tempo para os consumidores é suficiente.

Os tempos de lecer tampouco presentan problemas significativos, posto que existen numerosos espazos públicos e privados para ocupar o tempo libre. Aparecen así mesmo o tempo das novas tecnoloxías que cobra relevancia a raíz da implantación da sociedade da información nas cidades.

O estudo detectou, como feito importante, a necesidade de reforzar e incrementar a igualdade e corresponsabilidade no uso do tempo por parte de homes e mulleres, prexudicado en función destas últimas. A necesidade de incrementar a corresponsabilidade entre homes e mulleres.

A relatividade do tempo
José Vázquez Portomeñe, Subdelegado do Goberno en Lugo, foi o encargado de referirse á lexislación en materia de Igualdade. Así, falou da aprobación por parte do anterior Goberno da Xunta da Lei de Igualdade das Mulleres de Galicia.

Vázquez Portomeñe explicou que existe aínda hoxe unha concepción da muller tradicional, rural, cunha faciana non progresista en moitos ámbitos. Destacou que se trata dunha situación que non pode continuar así e, neste sentido, referiuse á aprobación da Lei de Igualdade das Mulleres de Galicia, “unha importantísima ferramenta de cambio en materia de igualdade”.

O Subdelegado do Goberno subliñou que é necesario recoñecer o papel da muller na sociedade para o que apelou a Camus e ao “camiñar xuntos”.

Na súa intervención, Vázquez Protomeñe explicou que a Lei galega é a máis avanzada do estado e pretende implantar a igualdade primando a posición da muller, posto que o varón ten unha posición de élite no conxunto da sociedade.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova