Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo realiza unha ofrenda floral polo Día Internacional Contra a Violencia de Xénero


# Mércores, 25/11/2009
O Salón de Plenos do Concello acolleu a presentación do libro Todas as cosas son imposibles mentres o parecen

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O Concello de Lugo organizou unha concentración e unha ofrenda floral diante da árbore da vida, na Praza de Santo Domingo, como homenaxe á memoria de todas as mulleres que perderon a vida como consecuencia da violencia machista.

Estes actos, nos que participou a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, entre outros membros da Corporación Municipal, englóbanse no programa organizado polo Concello de Lugo con motivo desta celebración.

Nesta ofrenda o Presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, leu a seguinte carta dirixida ás mulleres:

Querida amiga,
... A vida en parella non é fácil, ás veces debemos ceder, pero non tes por que ser sempre ti:

Se non lle gustan as túas amizades, non deixes de quedar con elas, a quen teñen que gustarlle é a ti.

Se non lle gusta como vistes ou como te pintas,… é que non entende de estilismo.

Se hoxe tivo un mal día, que non traia os problemas para a casa.

Se un día che pide que non saias e fiques na casa agardando… faille ver que esa é unha postura egoísta.

Se chega bébedo a casa… que non se repita máis.
Se unha noite á cea lle falta sal… mellor que se prepare uns ovos fritos.

Se controla as túas chamadas ou vixía os teus correos, non xustifiques os seus celos, recoméndalle unha cita en psicoloxía.

Se por facerse o gracioso te deixa quedar mal en público, advírteo de que non volva facelo.
Se te ameaza, fala co teu avogado ou coa túa avogada.

Todas estamos expostas á violencia de xénero, pode aparecer en calquera momento... e de diversas formas.

Só temos que darnos conta… sen agardar a ter os signos máis evidentes:
os berros, as labazadas, os empurróns, os abusos, as violacións, as malleiras, a soidade, o encerro…

Non envellezas esperando a que cambie, non lle deas segundas oportunidades…
Non sexa que as aproveite para facer chorar as persoas que realmente te queren.

LEMBRA
Ti non tes a culpa do seu mal humor, ti non es a causante dos seus ataques de ira…

Máis ca nunca… ELÍXETE, QUÉRETE, PENSA EN TÍ, SÉ LIBRE, COÍDATE, TOMA DECISIÓNS.

Non dubides en buscar saída non estás soa, estamos preto de tí.

Un libro adicado ás mulleres
Os actos da xornada complementáronse coa presentación no Salón de Plenos da Casa do Concello do libro Todas as cosas son imposibles mentres o parecen, de Pilar Rodríguez Suarez e Mercedes Vázquez Bertomeu.

A Concelleira de Benestar Social indicou que “fixemos este libro para reivindicar os dereitos e as oportunidades pero tamén a historia das mulleres e os seus logros. As mulleres foron e son aínda hoxe invisibilizadas, subordinadas ou utilizadas como obxectos”.

A primeira parte do título do libro é unha frase de Concepción Arenal, a gran penalista e loitadora social galega, que traballou nunha época na que o longo camiño das mulleres cara á súa igualdade xurídica e social estaba aínda nos primeiros pasos. A segunda parte do título describe o seu contido: cen anos de historia de mulleres.

Unha primeira parte do libro relata de xeito ameno e claro as grandes liñas históricas do combate pola igualdade no mundo, con atención particular ás loitas, avances, retrocesos e vicisitudes en España e moi particularmente en Galicia. A participación política e o sufraxismo, a loita polo recoñecemento e a igualdade laboral e económica, a liberación sexual e a revolución das relacións persoais e domésticas, son só un resume dos temas tratados nesta obra que pode definirse como unha pequena enciclopedia.

Ese aspecto enciclopédico ven reforzado na segunda parte, Galería de mulleres, que inclúe breves biografías dalgunhas das personalidades máis importantes dos últimos cen anos dende o punto de vista da conquista da igualdade, de María Montessori a Carmen Avendaño, de Victoria Kent a María Moliner, de Sofía Casanova a Enriqueta Otero, de Mary Pickford a Maruja Mallo, de Federica Montseny ás Madres de Plaza de Mayo...

O libro compleméntase cunha ampla selección de fotografías e ilustracións que contribúen á viveza e atractivo deste relato histórico que se pode definir como de “alta divulgación”, e que sen dúbida é unha excelente maneira de facer chegar a todas as mulleres e a todos os homes de Lugo a idea de que as liberdades e os dereitos, e concretamente as liberdades e os dereitos das mulleres, son a conquista dunha loita a miúdo difícil, a miúdo heroica, a miúdo tráxica, e unha conquista que hai que defender, consolidar e perfeccionar.

As autoras
Pilar Rodríguez Suárez, Doutora en Historia pola USC, foi durante moitos anos profesora na Facultade de Historia compostelá. Mercedes Vázquez Bertomeu, tamén Doutora en Historia, traballou moito tempo no Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

Despois dunha extensa e intensa actividade como investigadoras académicas, plasmada en gran número de publicacións especializadas, fundaron a empresa DEHISTORIA, (www.dehistoria.net) especializada en investigación histórica baixo demanda, documentación, solucións arquivísticas, publicacións, museos, exposicións, restauracións e rehabilitacións.

Entre os seus traballos, poden citarse dous de gran transcendencia realizados para o Concello de Lugo: a exposición e o libro catálogo, que tivo un extraordinario éxito popular polo San Froilán do 2004; e o informe histórico que amparou a concesión do título de Festas de Interese Turístico Nacional para as patronais lucenses.

Outros actos conmemorativos
Para rematar a xornada, terá lugar a conferencia Primeira resposta ante o maltrato: A denuncia e asistencia xurídica, impartida pola avogada vicedecana do Ilustre Colexio Provincial de Avogados de Lugo, Paula Alvarellos.

Porá fin ao programa, organizado polo Concello de Lugo durante todo o mes de novembro, unha mesa redonda sobre a prevención da violencia na mocidade mañá xoves día 26 ás 20.00 horas no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Neste debate abarcaranse distintos temas sobre como traballar na prevención cos mozos e mozas da cidade.

Artigo de opinión: "Un genocidio contra las mujeres"
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova