Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo asina un convenio de colaboración para fomentar o emprendemento entre mulleres


# Xoves, 26/11/2009
A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia disporá dun local no Centro de Empresas e Innovación para levar a cabo a súa actividade

Imaxe Asociada
A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia (AELU), Beatriz Varela, para a autorización de uso dun local do Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo.

A Asociación poderá utilizar o local durante un período de 12 meses para o desenvolvemento de diferentes actividades.

A firma deste convenio é unha mostra máis do labor desenvolvido en conxunto polo Concello e AELU para a busca de estratexias máis axeitadas para favorecer o crecemento do emprego á creación de novas iniciativas empresariais e o incremento da competitividade das empresas.

O obxectivo perseguido coa presencia da Asociación nas instalacións do CEI-Nodus é favorecer a creación de novas iniciativas empresariais desenvolvidas por mulleres, que no seu día poderían acceder ao centro municipal

A Concelleira explicou que “a intención é axudarlles a crecer como empresa xa que no CEI detéctase unha falta emprendemento feminino. A pesar de que os datos sobre as persoas que solicitaron información neste ano para a creación de empresas no servizo municipal segundo o sexo son moi parecidos, 100 homes e 96 mulleres, soamente o 30% das 43 empresas creadas ao amparo do CEI no 2009 foron constituídas por mulleres”. E engadiu que “as 20 empresas aloxadas neste momento nas instalacións municipais son iniciativas de homes”.

Desde o Concello de Lugo considérase que AELU é a máis indicada para tratar de fomentar o emprego feminino xa que promove o recoñecemento dos dereitos da muller no entorno empresarial e a eliminación de toda diferencia discriminatoria. Estes valores forman parte do compromiso do equipo de Goberno en materia de igualdade, solidariedade, non violencia, e respecto á diferencia no marco da liberdade de empresa.

Por outra banda, este convenio concíbese cunha visión de futuro que favoreza o desenvolvemento de acción conxuntas entre a Asociación e Concello en materias formativas.

O Concello de Lugo continúa así co seu compromiso de realizar accións conxuntas con asociacións e institucións encamiñadas a conseguir que Lugo sexa unha cidade capaz de xerar emprego e riqueza para os seus habitantes, neste caso con iniciativas levadas a cabo por mulleres.

Neste acto participou tamén a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, que indicou que “para o século XXI temos tres retos: acabar coa violencia de xénero, acadar unha corresponsabilidade nas tarefas do fogar e no coidado das persoas, e romper o teito de cristal para facer que homes e mulleres estén en igualdade en todos os campos económicos, políticos e sociais”.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova