Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo destaca o excelente traballo de formación desenvolvido pola Facultade de Veterinaria ao longo de 25 anos


# Venres, 27/11/2009
López Orozco participou no acto de presentación do libro sobre a historia do centro universitario

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo celebrou esta mañan un acto con motivo do 25 aniversario do centro Universitario no que participou o Alcalde de Lugo José López Orozco.

Neste acto, o Alcalde resaltou “o traballo de todos os profesores e profesoras e o esforzo do alumnado que ao longo destes 25 anos posicionaron á Facultade de Lugo nos postos máis relevantes das universidades españolas e que a converteron nun referente para os universitarios do noso país e, incluso, do estranxeiro”.

López Orozco agradeceu á Universidade o inmenso traballo de formación da nosa mocidade que ten desenvolvido ao longo de moitos anos e a súa influencia para que Lugo se convertera nunha cidade universitaria.

Neste acto participaron, ademais, a Decana da Facultade, Ana Bravo del Moral, o Reitor da USC, Senén Barro, o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, José Uxío Rey, e o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao.

O reitor da universidade presentou O libro 25 anos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (1984-2009), no que varios autores vinculados ao centro universitario lugués fan un repaso pola historia da facultade e da profesión veterinaria en Galicia, e que está financiado pola Consellaría de Medio Rural, coa colaboración do Consello Galego de Colexios Veterinarios e do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España.

O libro non só recolle achegas de profesores, investigadores e estudantes vinculados á Facultade de Veterinaria nestes 25 anos, senón tamén de personalidades como o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; ou o Alcalde do Concello de Lugo, José López Orozco.

Ademais, houbo unha conferencia a cargo de Francisco Javier Reviriego Gordejo, xefe de sección de Identificación e Control de Enfermidades do Comité de Saúde Animal, na que falou sobre os retos de veterinaria en Europa.

Os 25 anos de Veterinaria
Tal e como se recolle no libro 25 anos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (1984-2009), e como lembrou na súa presentación a decana Ana Bravo del Moral, este centro universitario lugués creouse en 1984, como continuador da vella Escola de Santiago, en marcha dende 1882 ata 1924 no edificio da actual sede do Parlamento de Galicia, e nel creouse, no ano 1988, o primeiro departamento universitario do campus, o Departamento de Patoloxía e Produción Animal.

Preto de 3.000 veterinarios formáronse xa na Facultade de Veterinaria de Lugo que, aínda que de creación recente, sitúase nunha posición de privilexio no contorno europeo. A aposta por mellorar a calidade do centro está validada a través dos diferentes procesos de avaliación europea levados a cabo pola Asociación Europea de Centros de Ensino Veterinario (EAEVE), da que forman parte 95 facultades de Veterinaria de 34 países europeos, ademais de Israel e Turquía. A facultade figura na lista de centros valorados positivamente dende o ano 2000 (logo de solucionar os pequenos problemas detectados na visita da comisión, dous anos antes), e renovou a homologación no ano 2008 por outros dez anos. Trátase dun grande mérito tendo en conta que universidades con máis de 150 anos de historia, coma a de Zaragoza ou León, non contan con este recoñecemento. Entre outros aspectos, a comisión europea avaliadora salientou o importante currículo do persoal docente de Veterinaria e a súa participación en programas de formación continua, así como a calidade da Biblioteca Intercentros e do hospital Rof Codina, ao que sinalaron como ‘un exemplo a seguir’.

Os asistentes ao acto de presentación do libro 25 anos da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (1984-2009) coincidiron en salientar ‘o prestixio que a excelencia académica deste centro supón para o campus e para o conxunto da USC’, e en destacar a labor dos profesionais veterinarios como ‘garantes da calidade dos alimentos e da protección dos consumidores’.

Na actualidade, a Facultade de Veterinaria de Lugo recibe unha media de 120 alumnos por curso, conta con 118 profesores e desenvolve o traballo de investigación máis intenso do campus.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova