Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo celebra o 9º Aniversario da Declaración da Muralla como Patrimonio Mundial pola UNESCO


# Luns, 30/11/2009
O Alcalde de Lugo adiantou que o 2010 será o ano da Muralla e contará cun completo programa “no que queremos que se implique toda a cidadanía”

Imaxe Asociada
Hoxe, luns 30 de novembro, celébrase o 9º Aniversario da Declaración da Muralla pola UNESCO como Patrimonio Mundial e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, animaron a toda a cidadanía a participar no concerto de celebración que terá lugar esta tarde no Auditorio Municipal e “rememorar a felicidade vivida aquel 30 de novembro do 2000”.

O Alcalde lembrou que esta declaración foi unha obra feita por moitos, por todos os que contribuíron á que a Muralla fose coñecida en todo o mundo. “A autoestima dos lucenses recibiu un pulo extraordinario naquela data, e a declaración beneficiou ao conxunto da cidade: aumentando o turismo, promocionando a cidade, e aumentando o investimento para actuacións no monumento e na súa contorna”.

Con motivo do 9º aniversario, a partir das 20.30 horas de hoxe, o grupo Milladoiro actuará ante o público lucense facendo un repaso aos seus 30 anos de levar a música folk galega polo mundo. A agrupación é sen dúbida un dos principais embaixadores da nosa cultura polo mundo e que mellor que eles para celebrar o día no que a Muralla chegou a ser un ben mundial.

Décimo aniversario
O Alcalde adiantou que “para o vindeiro ano, no que se celebra o décimo aniversario, queremos que sexa o ano de Lugo, o ano dos lucenses, o ano da Muralla o símbolo cultural que une e reúne a todos”. López Orozco explicou que “levamos xa varios meses preparando unha programación completa de actividades en todos os ámbitos: culturais, deportivas, artísticas, sociais, medioambientais para promocionar aínda máis o noso ben monumental máis valioso”.

López Orozco destacou que “agardo que toda a cidadanía se volque na celebración do décimo aniversario ao igual que o fixeron no ano 2000. Todos e todas formamos parte da Muralla e ela forma parte das nosas vidas, por iso temos que colaborar para dar a coñecer o noso símbolo e a esencia da cidade”.

O Alcalde explicou que o Concello está a traballar na elaboración do programa polo que os cidadáns e institucións aínda poden facer chegar as aportacións que consideren oportunas para a redacción da programación definitiva que será presentada a principios de ano.

López Orozco indicou que “no Concello somos conscientes das prioridades dos nosos orzamentos, do diñeiro dos lucenses, nestes tempos de crise, polo que precisaremos da colaboración doutras institucións e empresas para facer fronte aos gastos que pode ocasionar o proxecto. Xa mantivemos algúns contactos con empresas e institucións da cidade que amosaron moito interese pola idea, unha idea que irá en beneficio de toda a cidade e, incluso, da provincia, xa que será un forte reclamo turístico”.

Entre as institucións que amosaron o seu interese por colaborar co desenvolvemento do proxecto está a Deputación Provincial, xa que Lugo é unha marca que inclúe a súa provincia. O Alcalde anunciou que “dentro de poucos días asinaremos un convenio de traballo coa deputación para contar coa colaboración da Fundación TIC para a cobertura de todos os actos que se organicen con motivo do 10º aniversario”.

O ano que ven é ano Xacobeo e o equipo de Goberno quere aproveitar a súa forza e e o paso do Camiño pola cidade para que o 2010 sexa un ano moi positivo para Lugo, para a súa provincia e para toda Galicia. Por iso, o Alcalde anunciou que manterá unha xuntanza co Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, para usar o logotipo do Xacobeo e que ambos acontecementos vaian da man na súa promoción.

Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova