Imprimir

O CONCELLO DE LUGO ASEGURA AS INSTALACIÓNS DO MATADOIRO MUNICIPAL


30/11/2009 O novo contrato está en proceso de licitación e contempla a subrogación de todos os traballadores

O Concello de Lugo procederá mañá a tomar as medidas necesarias para asegurar as instalacións do matadoiro municipal, tendo en conta que a empresa adxudicataria Frimiño deixará de prestar o servizo de maneira unilateral desde esta tarde.

O Concello manterá as medidas de seguridade precisas ata a adxudicación do novo contrato para a xestión do matadoiro municipal que en este momento se atopa en proceso de licitación.

O Concello recorda que segundo os pliegos a nova concesionaria deberá subrogar todos os contratos dos traballadores da anterior adxudicataria. Para a adxudicación valoraranse, ademais das tarifas que oferten e as melloras nos servizos, a xestión de persoal incluíndo as melloras laborais, formación e a conciliación da vida familiar e laboral.

A concesión será por un total de 25 anos. Trimestralmente a concesionaria deberá presentar un informe para que o Concello poda facer o seguimento do número de reses sacrificadas, os ingresos obtidos pola aplicación das tarifas, etc. O novo pliego inclúe un réxime sancionador máis completo.

Para a elaboración destas bases tivéronse en conta as suxestións realizadas polos carniceiros nas xuntanzas mantidas con eles.