Imprimir

O CONCELLO DE LUGO E AUXILIA POÑEN EN MARCHA O PROGRAMA DOS BANCOS DO TEMPO


2/12/2009 O obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral intercambiando servizos e coñecementos

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, Estela Martínez e Fernanda Arrojo, representantes de Auxilia, presentaron esta mañá unha nova medida municipal de conciliación: Os Bancos do Tempo.

O obxectivo do Concello é facilitar ás persoas de todas as idades novos espazos de relación informal e axuda mutua, favorecendo a conciliación da vida persoal, familiar e laboral intercambiando entre elas servizos e coñecementos.

Un banco do tempo é un sistema de intercambio de servizos por tempo. Nel a unidade de intercambio non son os cartos senón unha medida de tempo, por exemplo o traballo por hora. Trátase dun sistema de intercambio de servizos por servizos, ou de favores por favores. Propón a vantaxe de fomentar as relacións sociais e a igualdade entre distintas persoas.

A idea da que se parte é que todos e todas teñen a capacidade de axudar a outras persoas que ao mesmo tempo poden devolver a axuda para resolver algunhas necesidades diarias.

A Concelleira explicou que “o obxectivo é reforzar un sentimento de veciñanza, de relación entre veciños e veciñas, así como crear unhas redes de apoio de autoaxuda entre a cidadanía ao longo de todo o Concello de Lugo”.

As persoas adscritas terán que ofrecer un determinado número de horas mensuais e demandar o mesmo número de horas para cubrir necesidades puntuais. Cada persoa adscrita ao servizo será titular dun conta corrente de tempo. Non se poderá acumular unha diferenza maior de 10 horas entre o tempo ofertado e o tempo recibido.

Realizarase un catálogo de servizos de diferentes campos:
- Relacionadas co manexo de novas tecnoloxías (uso do teléfono móbil, programas informáticos, Internet...)
- Tarefas escolares (apoio de asignaturas, idiomas...)
- Tarefas domésticas (pequenas reparacións, compra, limpeza, costura...)
- Axuda para a realización de xestións administrativas
- Acompañamento en actividades relacionadas co tempo de lecer, deportivas...
- Labores de coidado, de compaña ou outras como pasear cans.

O banco do tempo ofertará máis actividades canta máis xente teña inscrita. Soamente hai que anotarse e facer propostas, canto máis orixinais mellor.

Funcionamento
As persoas usuarias ofrecen e reciben servizos a cambio de horas. Cando se inscriben reciben un talonario de vales de tempo co que realizarán os pagos polos servizos recibidos. O vale servirá como pago polo servizo prestado e, a súa vez, servirá par mercar outro servizo recibido.

Auxilia exercerá de depositario do tempo, é quen abre as contas, promove os intercambios entre as persoas asociadas e actualiza os saldos de tempo.

Os interesados en participar poden acudir á sede de Auxilia en Lugo (Avenida infanta Elena, nº 11. Casa Clara Campoamor, local 4), chamando ao teléfono 982 202 307 ou no correo electrónico info@bdtlugo.net. Para recibir máis información pódese chamar ao teléfono de atención cidadá 010 e a través da páxina web www.bdtlugo.net.