Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo creará un foro cívico de carácter consultivo para aprobar a Ordenanza de Civismo


# Xoves, 03/12/2009
O documento foi consensuado con todos os sectores sociais

O Concello de Lugo presentou hoxe unha ordenanza de civismo consensuada con todos os sectores sociais, onde se recolleron as aportacións e suxestións presentadas polos diferentes colectivos da cidade e os partidos políticos con representación Municipal.

Entre as aportacións recollidas no borrador da ordenanza inclúese a creación dun foro cívico de carácter consultivo e de debate composto por:

- O Alcalde ou persoa na que delegue.
- Concelleiro/a de Protección da Comunidade.
- Concelleiro/a de Xuventude.
- Voceiros dos grupos políticos con representación no Concello.
- Representantes da mocidade.
- Representantes de ANPAS.
- Representantes do movemento veciñal.
- Representantes dos hostaleiros.
- Representantes da USC.
- Representantes das Consellerías de Educación e Sanidade.


Ademais prevese a posibilidade que as infraccións teñan como alternativa ás sancións horas de traballo a favor da comunidade: en infraccións moi graves ata 100 horas, grave 50 horas e leves 25 horas.

O Concello, segundo explicou o Concelleiro, aposta decididamente nesta ordenanza pola reeducación social e convivencia no espazo público polo que se compromete a levar a cabo accións preventivas, formativas e de socialización que eviten a conflitividade social. Avógase, deste modo, por modelos que incidan na corrección de condutas asociais.

Un dos puntos adoptados é que o Concello buscará espazos alternativos onde se permitirá o uso por parte dos graffiteiros. Segundo explicou o Concelleiro de Protección da Comunidade, o Concello creará un banco de espazos para incluír aqueles que cedan os particulares e a Administración esté disposta a aportar para a realización desta práctica artística.


Segundo a ordenanza, o Concello de Lugo tentará ofrecer alternativas de ocio e de lecer ben de espazo físico como de ofertas lúdicas para atallar o problema do botellón. O obxectivo é que os mozos e mozas da cidade conten con actividades atractivas e en espazos saudables.

O Concello vixiará as concentracións que poidan alterar a normal convivencia sempre que se leven a cabo condutas que perturben o dereito das persoas ao descanso nocturno. Ademais, Rábade explicou que o documento define zonas de especial protección, o Parque Rosalía e o centro histórico, e calquera outra que se estime oportuna que poderá facerse por decreto unha vez aprobada a ordenanza. Quedan excluídas desta norma aquelas zonas do casco histórico que por tradición teñen unha especial forma de reunión e consumo (isto refírese ás barras dalgúns locais nas rúas).

O borrador corrixido foi enviado aos grupos da oposición, agora será enviado a Asesoría Xurídica para ver a súa adaptación a legalidade e irá a Pleno para ser aprobado provisionalmente o antes posible.

Mesa negociadora
O Concelleiro deu conta ademais dos asuntos tratados esta mañá na Mesa de Negociación cos representantes sindicais do Concello.
Rábade anunciou unha subida do 0´3% do salario dos traballadores municipais para o vindeiro ano.

A súa vez, neste Concello creouse unha bolsa económica de 550.000 euros repartidos en dúas pagas: o 50% seguindo os mesmos criterios que na anualidade anterior e o outro 50% estará ligado á Relación de Postos de Traballo que se está a realizar e que rematará no primeiro trimestre do 2010.

Rábade explicou que se decidiu un incremento dun 10% do premio por xubilación e a bolsa de estudos pasa a ser de 15.000 euros.

O Concelleiro indicou que se acordou, ademais, avanzar na funcionarización do persoal laboral do Concello susceptible deste proceso, así como a regularización da xornada dos traballadores de 37 horas e media a unha xornada semanal de 35 horas e 2 horas e media de formación.

En canto a creación de prazas da plantilla do Concello aprobouse o seguinte co apoio de UXT, CIG e a candidatura independente:

- unha praza de arquiveiro/a
- un axudante de cociña
- Unha praza de superintendente da Policía Local pasala a inspector principal.
- outra vacante de inspector principal por xubilación convertela en intendente
- dúas prazas de inspectores principais clasificalas en inspectores
- praza vacante do proceso de policía local convertela en policía de mobilidade.

Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova