Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Alcalde de Lugo participa na lectura do manifesto polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade


# Xoves, 03/12/2009
O texto fai especial fincapé na crise económica e os seus efectos neste colectivo

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, participou esta mañá na lectura do manifesto polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade englobado dentro do programa de Diversiarte 2009 organizado polo Concello en colaboración con 21 asociacións da cidade.

O Alcalde indicou que “temos que converter cada día do ano nun día de compromiso con todas as persoas que teñen algunha discapacidade, pensando que calquera de nos poderíamos tela. Polo que o noso compromiso ten que ser firme e que naza da razón e do corazón”.

Defensa da discapacidade contra a crise, a pobreza e a exclusión
Coincidindo co día 3 de decembro, celébrase o Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, promovido pola ONU dende 1992. Con este motivo, as cidadás e os cidadáns con discapacidade e as súas familias recórdanlles e reclámanlles aos poderes públicos e á sociedade no seu conxunto a necesidade de adoptar medidas transformadoras que garantan a igualdade de trato e oportunidades e acaben coas discriminacións de toda índole que aínda sofre este grupo social.

Co propósito de celebrar o 3 de decembro de 2009 cunha especial consideración cara á crise económica e os seus efectos, o movemento social da discapacidade articulado ó redor do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade Estatal fai público o seguinte:

Manifesto

A discapacidade constitúe un factor moitas veces determinante de pobreza e exclusión social. A realidade móstranos que as mulleres e homes con discapacidade, e as súas familias, conforman un grupo vulnerable, en risco de exclusión, que precisa polo tanto de lexislación e de políticas activas e enérxicas que promovan a súa inclusión e plena equiparación sociais. Neste sentido, hai que destacar políticas de emprego como Lugo Contigo, que permite o acceso ao mercado laboral daquelas persoas con maiores dificultades á hora de atopar un posto de traballo.

É un feito que as persoas con discapacidade e as súas familias son un grupo social con especial risco de sufrir os efectos dunha situación económica tan adversa como a actual. Os datos e cifras máis recentes indícannos que o sector da discapacidade se está a ver afectado pola crise económica de xeito máis negativo que o resto da poboación. Diversos estudos mostran o sobrecusto económico da discapacidade, ocasionado pola necesidade que teñen as persoas con discapacidade e as súas familias de afrontar gastos en bens e servizos de apoio indispensables para manter unha vida digna cun esforzo maior que o que dedican as persoas e familias sen discapacidade. Por iso as administracións deben comprometerse a colaborar con estas familias facilitándolles axudas á hora de adaptar as súas vivendas ou facilitándolles un lugar adaptado no que vivir, como a casa que construíu o Concello de Lugo grazas ao FEIL.

Non contar coa discapacidade, non contar con esa parte da diversidade humana, persoal e social, é dar as costas ao talento, á creatividade, ao enxeño e á singularidade de miles de mulleres e homes. Sería negarse a aceptar o enriquecemento que significa incorporar unha parte moi valiosa da sociedade. As autoridades, empresas, os axentes e operadores que non saiban ver isto, demostran unha gran torpeza, e non resultarían dignos da confianza que puxo neles o conxunto da sociedade. As persoas con discapacidade encerran un enorme potencial que soamente agarda a verse liberado das restricións que lles impón un ámbito reticente e, en ocasións, adverso.

Por iso, todos os axentes sociais deben colaborar en que as persoas con discapacidade sexan cidadás e cidadáns coa plenitude de dereitos, facilitándolles o acceso a un posto de traballo, subvencionando a accesibilidade das súas vivendas, favorecendo un transporte adaptado e o desenvolvemento da súa vida diaria con normalidade na cidade, levando a cabo actuacións permitan a accesibilidade dos edificios públicos, das rúas, dos aparcadoiros… Dende o Concello de Lugo, queremos que todas as cidadáns e todos os cidadáns sexan iguais en oportunidades e dereitos, e comprometémonos a continuar traballando niso.

ÁS portas do Ano Europeo contra a Pobreza, 2010, e tendo en conta os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio proclamados por Nacións Unidas, as persoas con discapacidade desexan facer un chamamento para que as solucións globais á crise teñan en conta as políticas inclusivas, que son panca de relanzamento do desenvolvemento social e a reactivación económica. O recoñecemento da diversidade como valor en si mesmo preséntase como un elemento fundamental para construír unha sociedade aberta á inclusión de todas as persoas que a conforman.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova