Imprimir

O GOBERNO LOCAL APROBA AS BASES PARA A CONVOCATORIA DE CATRO AXENTES DE MOBILIDADE


9/12/2009 * A Xunta de Goberno Local aprobou así mesmo, as bases para prover oito prazas da subescala facultativa da Policía Municipal

O Goberno Local aprobou hoxe en Xunta de Goberno as bases específicas para o acceso en propiedade a catro prazas de axentes de mobilidade, pertencentes ao cadro de persoal funcionario en quenda libre.

As bases regulan os aspectos particulares do proceso de selección para o acceso como funcionario de carreira a catro prazas de axentes de mobilidade, correspondentes á oferta de emprego de 2009 do cadro de persoal funcionario do Concello de Lugo.

Características da praza
Denominación: axente de mobilidade
Grupo de titulación: C
O sistema selectivo será o de oposición libre

A titulación esixida para o acceso á praza é graduado escolar, ESO, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

Requisitos dos candidatos
Ser español
Ter cumpridos 18 anos
Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas
Non estar separado mediante expediente disciplinario do servizo en calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas
Estar en posesión dos permisos de conducir das clases A,B e BTP
Certificado médico de que reúne as condicións físicas e sanitarias necesarias para a realización das probas físicas

Os aspirantes deberán superar 4 probas, teóricas e prácticas.

A cualificación final de cada aspirante será a resultante da suma das cualificacións de cada un dos exercicios obrigatorios e eliminatorios.

O temario e características das probas poderán consultarse na web www.lugo.es. unha vez sexan publicadas no BOE.

Así mesmo, aprobáronse as bases polas que se rexerá a convocatoria de probas selectivas para prover oito prazas da subescala facultativa do Corpo da Policía Municipal do Concello de Lugo. Dúas prazas de policía especialista técnico de explotación de sistemas informáticos, dúas prazas de policía especialista, técnico de medioambiente, unha praza de técnico especialista, técnico de obras públicas, unha praza de policía especialista, técnico de tráfico, unha praza de intendente, especialista en prevención de condutas asociais, planificación, innovación e formación, e unha praza de inspector principal especialista en xestión da organización, calidade e procesos.

Entre os requisitos figuran posuír a nacionalidade española, superar os 18 anos e non ter cumpridos 36 para a categoría de policía, estatura mínima de 1,65 para homes e 1,60 mulleres, así como ser titular dos permisos de conducir da clase A e B con BTP, entre outros.

O prazo de presentación de instancias será de vinte días naturais contados desde o seguinte á publicación do anuncio de convocatoria no BOE.

Cloro e coagulante
A Xunta de Goberno Local adxudicou de xeito provisional a contratación da subministración de cloro e coagulante para a actual ETAP de Lugo por un importe de 192.600 euros.

O lote 1 foi adxudicado á empresa Droga Conde S.A. polo prezo de 0,21 euros/kg máis ive, cun prazo de entrega de 24 horas dos produtos solicitados.

O lote 2 á empresa KEMIRA Ibérica polo prezo de 265 euros/Tm máis ive. O prazo de entrega do produto solicitado é de 48 horas.

A Xunta de Goberno adxudicou, así mesmo, o concerto de 25 prazas para a atención de persoas maiores dependentes en réxime de atención diúrna á mercantil Alalás S.L. O prezo do contrato será de 584,11 euros praza máis o 7% do IVE polo que o prezo mensual ascende a 625 euros ive, un prezo máximo de adxudicación de 187.500 euros anuais.

A cargo da empresa irán 2 prazas, servizo de perruquería, (1 sesión gratuíta ao mes por usuario), servizo de podoloxía (1 gratis cada dous meses por usuario), catro saídas anuais, servizos médico xeriatra, achega dun profesional due, achega dun animador sociocultural e reunión bimestral con familias e coidadores, entre outros.

Noutra orde de temas, abriuse o procedemento de adxudicación da contratación do servizo de elaboración dun estudo biomecánico, fitopatolóxico e de podas sanitarias do arboredo existente no Parque de Rosalía de Castro por un importe de máximo de 121.000 euros.

Preténdese satisfacer a necesidade de mellorar o coñecemento do arboredo sito no Parque de Rosalía de Castro identificando os posibles riscos e mellorando o control para minimizar os riscos de caídas e roturas, así como concretar e realizar as labores de podas para sanear dítoas árbores.

O prazo de presentación das ofertas será de 15 días desde a súa publicación no BOP.