Imprimir

UN OBRADOIRO MUSICAL E UN CONCERTO PECHAN A PROGRAMACIÓN DESTE ANO DE LUGO CULTURAL


9/12/2009 Sonia Méndez participou hoxe na presentación do programa
O número de espectadores das actividades programadas este ano medrou un 21%

Os representantes das cinco institucións que conforman o proxecto Lugo Cultural presentaron este mércores día 9 os derradeiros concertos que terán lugar dentro da súa programación deste ano, e que pechan os ciclos ‘Músicas ao carón da Mosqueira’ e ‘Lubicán’.

O ciclo de música clásica ‘Músicas ao carón da Mosqueira’ pecharase o luns 14 de decembro ás 21:00 horas no Círculo das Artes, cun obradoiro de música antiga a cargo do Orfeón Caixa Galicia ‘Terra a nosa’ dirixido por Miro Moreira. O Orfeón ofrecerá un recital de música relativa ao apóstolo Santiago e á catedral compostelá baixo o título ‘In festo Sancti Iacobi Apostoli’.

O ciclo ‘Lubicán’, que achega ao público as músicas máis independentes da man de grupos galegos, clausurarase o xoves 17 de decembro ás 21:00 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado, coa presentación do segundo traballo do grupo lugués Kentokaki, que se caracteriza por explorar a música klezmer, moi en boga en Europa, e combinala con outros estilos.

Ademais, Lugo Cultural mantén aberta ata o vindeiro 22 de decembro na sala B do centro social municipal Uxío Novoneyra a mostra do XV Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, que inclúe 57 imaxes e que logo iniciará un percorrido polos centros universitarios do campus lugués.

Na presentación das actividades do mes de decembro estiveron presentes o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o representante da Consellaría de Cultura, Xulio Xiz; o delegado de Cultura da Deputación Provincial, Antonio Veiga; a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez; e o xerente da Fundación Caixa Galicia en Lugo, Sinesio Pérez, que manifestaron a súa vontade de continuar o ano que vén coa iniciativa de Lugo Cultural, para o que prevén asinar unha nova edición do convenio en xaneiro.

Espectadores
Os diferentes ciclos de actividades programados por Lugo Cultural, co obxectivo de contribuír a dinamizar a vida cultural luguesa, rexistraron este ano un notable aumento no número de espectadores, cunha suba media dun 21% con respecto ao ano anterior. Os ciclos ‘Lubicán’ e ‘Entre lusco e fusco’ son os que rexistraron un maior aumento, chegando a duplicar o número de espectadores.

En total, ao longo de 2009 máis de 7.000 persoas asistiron aos concertos de Lugo Cultural, e ao redor de 20.000 visitaron o conxunto dos seus espectáculos e exposicións.