Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Ronda da Muralla estará pechada ao tráfico o domingo durante dúas horas con motivo da celebración do Road Show


# Venres, 11/12/2009
* O Concello de Lugo informará a todos os afectados, habilitará aparcamentos disuasorios e sinalizará o tramo

Imaxe Asociada
O Concelleiro de Protección da Comunidade, José Rábade, informou hoxe dun corte de tráfico na Ronda da Muralla durante dúas horas o próximo domingo con motivo da celebración do Road Show.

O domingo celebrarase o acto promocional de presentación do Piloto de fórmula 2 Alonso Liste para o que se porá en marcha un plan de tráfico específico posto que o itinerario se desenvolverá en toda a extensión da Muralla incluída a zona peonil que comprende o tramo entre a rúa Vilalba ata a de Cidade de Vigo.

Así, efectuarase un corte provisional de tráfico da Ronda da Muralla desde as 15,30 horas ata as 17,30 horas. A restrición total de aparcamento de vehículos en todo o percorrido levarase a cabo desde as 06,00 ata as 17,30 horas.

A Ronda da Muralla pecharase totalmente a partir das 15,55 horas.

Antes do domingo levaranse a cabo diferentes medidas, traballos previos, instalacións de medidas de seguridade e informativas.

O sábado pola noite vallarase a ronda da Muralla por ambas marxes, cerraranse as beirarrúas dos edificios e a parte axardinada do monumento afectando tamén no momento do acto ás interseccións.

As beirarrúas quedarán libres para os peóns. Haberá tres puntos (Bispo Odoario, Bispo Aguirre e Camiño Real) onde de xeito puntual o peón poderá atravesar entre as beirarrúas co conseguinte control policial.

A información sobre o corte será dada aos cidadáns afectados, así como a aparcamentos subterráneos e de superficie, hospital dos Ollos Grandes, Servizo 061 e emerxencias 112, transporte público urbano e interurbano, radiotaxi, asociación de empresarios e a CEL.

O Concello habilitará aparcamentos disuasorios como o das Termas, explanada do Campo de Fútbol Anxo Carro, Madanela e Campos Novos.


Road Show
Organizado polo Concello de Lugo en colaboración co equipo de Alonso Liste, contará coa participación do piloto lucense e de Jonathan Palmer e se converterá na primeira exhibición vinculada a un monumento Patrimonio Mundial como é a Muralla.

O evento fará que os lucenses teñan a oportunidade de vivir o espectáculo da F2 de cerca. Na praza do Ferrol haberá tres coches de F2 para que podan ser vistos por todos os lucenses e haberá en diferentes zonas do centro unha mostra de coches e motos clásicas durante todo o día.

O evento deportivo comezará cunha volta á Muralla de Alonso Liste e Jonathan Palmer nun Rolls Royce descapotable. A continuación sairán os clásicos, seguidos dos karts, conducidos por varios rapaces menores de 9 anos.

Despois comezará “o plato forte da xornada”, sairá o F2 que dará varias voltas á Muralla, realizando distintas manobras cunha zona de espectáculo na porta de San Fernando. Pechará a exhibición unha nova volta en Rolls seguido dos clásicos. As voltas de karts e F2 irán precedidas dun coche de seguridade, para avisar da chegada dos vehículos ao público e persoal de seguridade.

Patrocinadores
O evento conta co patrocinio de tres empresas da cidade como son: Ingapan, Leche Río e Cafés Candelas, e de institucións como a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia.

Programa
11.30.- Exposición de vehículos clásicos e F2
16:00-17:30.- Comezo da exhibición
17:30-18:00.- Atención aos medios (Alonso Liste e Palmer)
18:00-19:30.- Firma de autógrafos
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova