Cargando....
Concello de Lugo
17/07/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo participa de xeito pioneiro nun proxecto estatal coa creación dunha empresa simulada a través dunha plataforma virtual


# Luns, 14/12/2009
* Trátase do único Concello de Galicia beneficiado por esta iniciativa
* O proxecto plantexa a creación dunha empresa a través dunha plataforma virtual


Imaxe Asociada
* Este proxecto é posible grazas a unha subvención do Ministerio de Traballo e a colaboración coa Fundación Inform
* A acción está destinada a mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego
* A preselección de alumnos farase o venres 18 de decembro ás 12 no CEI


O Concello de Lugo participará nun proxecto de aplicación da metodoloxía SEFED baseada na simulación empresarial co fin de formar a persoas desempregadas na xestión administrativa de empresas. No proxecto estatal participarán 21 empresas simuladas, sendo Lugo a única cidade galega que integra a rede. A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, presentou o proxecto e explicou que a empresa que se cree en Lugo estará destinada á área de xestión cultural e turística.

Trátase, segundo destacou a Concelleira, de implantar empresas viables economicamente e ofrecer unha información práctica que contribúa na incorporación dos alumnos ao mercado laboral. Así mesmo, destacou, “o desexable sería que axudemos a construír empresas neste eido, polo que os alumnos tamén recibirán formación relativa ao autoemprego”.

A acción formativa denominada SIMUL-e enmárcase dentro do programa SEFED en colaboración coa Fundación Inform e financiada polo Servizo Público de Emprego Estatal do Ministerio de Traballo e Inmigración.

Para levar a cabo esta formación empregarase unha metodoloxía moi innovadora, testada pola fundación Inform e implantada por dous docentes e un coordinador do CEI. A metodoloxía denomínase SEDEF e defínese como un programa formativo que ten como finalidade capacitar persoas no campo da administración e xestión empresarial mediante a metodoloxía da simulación de empresas.

Cada centro formativo no que se imparte o programa transformase nunha oficina administrativa dunha empresa, nunha empresa simulada. Esta empresa simulada establece relacións simuladas con outras empresas iguais, vendendo os seus produtos ou servizos. As empresas simuladas forman unha rede comercial a nivel estatal chamada mercado SEDEF.

O alumnado aprende nun contexto no que se vive o ambiente laboral e se desenvolven as condicións dunha relación de traballo.

A empresa simulada escollerá unha actividade económica que será a que determinará os produtos que ofrecerá ao resto de empresas da rede, no caso de Lugo destinarase a área de xestión cultural e turística. Para facer viables as transaccións entre empresas simuladas existe a central de simulación.

Os obxectivos desta acción formativa son:
- Formar aos alumnos e achegalos á realidade do traballo nunha empresa
- Traballar en equipo
- Agrupar diferentes perfís académicos-profesionais para lograr un equipo multidisciplinar que traballe de forma máis eficaz e dinámica

O perfil que se busca para o proxecto son mozos menores de 30 anos en situación de desemprego.

O programa formativo constará de 10 módulos. A duración do curso será de 600 horas (6 meses) e o número de alumnos beneficiados será de 15.

O proxecto conta cun orzamento de 50.000 euros.

Todos aqueles interesados poden acceder á información a través do teléfono 982 297 468, ou ben no correo electrónico infoarrobacei.lugo.es, na web do Concello, no 010 ou directamente consultando no CEI-NODUS.

A preselección de alumnos farase o venres 18 de decembro ás 12 no CEI.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova