Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo presenta o Plan de Mobilidade que pretende afondar no esforzo a favor dun espazo público de calidade, medioambientalmente sostible e onde o cidadán gañe habitabilidade


# Martes, 15/12/2009
O Alcalde da cidade destaca que o plan é un proxecto integral de modelo de cidade para abordar de xeito gradual

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
* López Orozco emprazou ás forzas vivas da cidade, á oposición e aos cidadáns a traballar por un documento ambicioso e lograr o consenso necesario para a súa implantación
* Anuncia a creación dun foro de debate para a discusión do plan
* O estudo propón un modelo de cidade que pretende mellorar a calidade urbana e a calidade de vida dos cidadáns de Lugo, á vez que mellorar a funcionalidade e a organización do sistema urbano da cidade
* Preténdese reducir o número de viaxes en transporte privado en beneficio do transporte público, a bicicleta e a pé
* Téndese a un espazo público de gran calidade, con menos ruído, sen tanta contaminación, máis seguro e atractivo e que potencie o contacto e a convivencia entre persoas
* O Plan diminúe o número de paradas de autobús e aumenta a frecuencia das liñas que será de 10 a 14 minutos nas liñas de alta frecuencia
* Propóñense 2,8 km de carril bus e 47,4 km de carril bici, 42,8 máis do que existen actualmente
* Recolle ademais a eliminación de prazas de aparcamento en superficie para liberar espazo público a favor do peón
* O Plan dobra a cantidade de espazo público para as persoas con mobilidade reducida

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, presidiu hoxe a presentación do Plan de Mobilidade e espazo público para a cidade. Trátase dun documento elaborado pola Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona cuxos principios básicos se fundamentan no aumento do grao de habitabilidade urbana, a contención do uso do automóbil para favorecer a sustentabilidade global, a contaminación atmosférica e acústica, e o afondamento no esforzo a favor dun espazo público de calidade.

Na súa intervención, José López Orozco, destacou que o plan é un proxecto integral de modelo de cidade para abordar de xeito continuo, gradual. “Un plan a medio prazo que permitirá camiñar cara a unha economía produtiva e competitiva”, incidiu.

Trátase, segundo subliñou, de construír un Lugo neutro de emisións e unha nova ordenación que reduza a dispersión e fomente o protagonismo do cidadán no espazo público. Así mesmo, animou ás forzas vivas da cidade, á cidadanía e á oposición a traballar por un documento ambicioso e chegar ao consenso preciso para a súa implantación. López Orozco anunciou a creación dun foro de debate para a discusión do plan.

Entre as propostas recollidas no plan atópanse as seguintes:
1. Humanizar a cidade e mellorar a súa habitabilidade
2. Aumentar a calidade do espazo público en termos de accesibilidade
3. Reducir o impacto ambiental da contaminación e o ruído nas rúas
4. Mellorar a imaxe visual no contorno da Muralla
5. Redefinir as redes de transporte público de cara a mellorar a eficiencia do sistema en termos de accesibilidade e cobertura
6. Reorganizar o tráfico de forma que o vehículo de paso transite a través dunha rede viaria básica liberando as vías secundarias
7. Consolidar unha rede de bicicletas que estableza unha serie de eixos principais e percorridos, de cara á máxima utilización da bicicleta como medio de transporte urbano
8. Configurar unha rede peonil que minimice a coexistencia do peón co vehículo privado e permita conectar a pé os principais puntos de interese da cidade
9. Identificar as demandas infraestruturais de aparcamento e de espazos necesarios para a xestión de carga e descarga de mercadorías

O estudo propón un modelo de cidade que pretende mellorar a calidade urbana e a calidade de vida dos cidadáns de Lugo, á vez que mellorar a funcionalidade e a organización do sistema urbano da cidade.

As propostas potencian os modos de desprazamento máis sostible, é dicir, preténdese reducir o número de viaxes en transporte privado en beneficio do transporte público, a bicicleta e a pé.

Tamén se debuxa un novo espazo público con un reparto para os seus usos e funcións distinto ao actual. Coas propostas, o 46% do espazo público viario destínase ao peón, mentres que hoxe en día o 71% está reservado para os usos do coche. Isto supón que o cidadán se sinta outra vez como tal, xa que volve ocupar a maioría do espazo público sen restricións.

Téndese a un espazo público de gran calidade, con menos ruído, sen tanta contaminación, máis seguro e atractivo e que potencie o contacto e a convivencia entre persoas de calquera idade e condición social. O cidadán xa non e peón, a rúa xa non é só un lugar de paso, é un lugar e sobre todo é estancia e convivencia onde poden desenvolverse a maioría das funcións urbanas.

O plan propón un escenario de supermazás no cal o espazo público que se dedica á vialidade do peón pasa do 19% actual ao 30% diminuíndo na mesma proporción o espazo relacionado cos vehículos. Así mesmo, coas supermazás, as beirarrúas acadan o 46% do espazo e a calzada o 54%, polo que a superficie queda repartida case ao 50%.

O Plan presentado hoxe pretende así mesmo, mellorar a calidade do tráfico como forma para mellorar substancialmente a calidade do aire e o confort acústico.

Importancia da supermazá, clave para unha mobilidade sostible
Unha supermazá ven delimitada por vías básicas que configuran unha área cuxo interior inclúe un conxunto de mazás. O tráfico de paso ten o acceso restrinxido ao interior da supermazá. Este ámbito convértese nun lugar preferente para o peón, compartido con ciclistas, vehículos de servizo, de emerxencias ou de residentes. Dentro da supermazá as rúas pasan a ser de plataforma única e a velocidade máxima establécese en 10 km/hora. O aparcamento de vehículos en superficie tende a reducirse.

O espazo público gañado convértese nun espazo dispoñible para desenvolver usos e funcións de vida cidadá: paseo, estancia, xogo, ocio, festas…Ademais redúcese a contaminación e o ruído.

Características do modelo baseado en supermazás:
- Xerarquización da rede viaria: vías básicas e interior das supermazás
- Integración das redes de mobilidade: reestruturación da mobilidade en superficie nunha rede diferenciada para cada modo de transporte
- Reorganización da carga e descarga e do aparcamento: o aparcamento de vehículos en superficie suprímese gradualmente a favor da construción de aparcamentos subterráneos
- Accesibilidade para todos: melloran as condicións de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, coches de nenos, maiores…
- Novo deseño do espazo público: o espazo público gañado convértese nun espazo dispoñible para acoller novos usos e funcións da vida cidadá.

Transporte público urbano
Proponse un cambio na tendencia actual de modo que o sistema de autobuses sexa pensado e planificado máis como unha rede que como un sistema radial. A proposta plantexa a redución das paradas de 403 a 267 na cal un total de 204 das actuais se manteñen.

As tres liñas de alta frecuencia terán entre 10 e 14 minutos de intervalo de paso mentres que as de baixa frecuencia varían entre os 30 e os 45 minutos. Así mesmo, as marquesiñas converteranse en terminais de información urbana.

O novo sistema de mobilidade baseado nas supermazás convértese nun verdadeiro sistema de transporte de viaxeiros de alta capacidade, innovador e competitivo.

O Plan recolle así mesmo, a extensión do transporte público urbano aos núcleos rurais a través dun sistema baixo demanda.

2,8 km de carril bus
Proponse un carril bus no tramo da Av da Muralla que é interior de supermazá. Tamén se propón carril bus pero a contracorrente do sentido principal na Av da Muralla entre a Praza Bispo Odoario e o Carril Loudredos e na Av da Coruña. Nesta vía, entre a Ronda da Muralla e a Rúa Concepción Arenal, e debido ao estreito da sección, proponse que o carril bus contracorrente comparta espazo coa bicicleta. En total propóñense 2,8 km de carril bus.


Extensión do carril bici a 47,4 km
A rede actual componse de dous tramos de carril bici que circulan polo Parque do Miño e pola Ronda de Fingoi representando un total de 4,6 km.

Proponse unha rede para bicicletas acorde coas necesidades de desprazamento dos cidadáns, integrada co resto de modos de transporte e que ofreza posibilidades reais de desprazamento na bici para as viaxes cotidianas máis alá do seu uso meramente deportivo e de ocio.

No interior da Muralla proponse a creación dunha zona de uso compartido da bici con outros modos de transporte, debidamente sinalizadas e que manteña sempre a prioridade para o peón.

Proponse estender a rede de bicis dos actuais 4,6 km aos 47,4 km.
A rede proposta mellora moi significativamente a accesibilidade aos equipamentos urbanos, situándoa a menos dun minuto do 80% deles. O 16% quedan situados entre 1 e 3 minutos, o 2% a distancias entre 3 e 5 minutos e o 2% restante a máis de 2 minutos.

Estacionamento das bicis e préstamo
Deben estar visibles, seguras, iluminadas, accesibles, protexidas dos axentes meteorolóxicos, evitar conflitos con peóns e co resto de vehículos.

Proponse incrementar o número de puntos de préstamo cunha cobertura a menos de 5 minutos ao 71,8% da poboación (60.258). Actualmente atópase nun 21,8% (18.331).

Proponse unha ampliación do servizo ata os 22 puntos de préstamo. O incremento en 17 estacións aumentará considerablemente a accesibilidade do servizo, achegándoo aos equipamentos de maneira que tan só un 21% deles estean situados a máis de 5 minutos a pé de calquera estación de préstamo.

Novos itinerarios peonís
O plan presenta unha rede peonil baseada en tramos de intervías coincidindo co interior das supermazás. Son rúas con prioridade para o uso peonil e cun deseño de plataforma única.

Un dos datos importantes é aquel referido á mobilidade para as persoas dependentes. O Plan dobra a cantidade de espazo público para as persoas con mobilidade reducida.

Outras melloras
O Plan de Mobilidade recolle así mesmo a necesidade de reconfigurar o transporte de mercadorías e a súa entrega, así como a importancia de reducir as prazas de aparcamento en superficie a favor dos aparcamentos subterráneos co obxectivo de liberar espazo público a favor do peón.

Reunión de presentación do Plan
O Goberno Local manterá hoxe ao longo do día unha reunión co CES, coa oposición e coas asociacións de veciños para presentarlles o plan e que comece o seu coñecemento, difusión e discusión. Mañá presentaráselle aos colexios profesionais. Así mesmo o Goberno estuda outras accións para dalo a coñecer a todos os cidadáns.

Na presentación do Plan do Goberno Local participaron, entre outros, o director técnico do mesmo, Miguel Negral, o coordinador da empresa redactora, Francisco Cárdenas, así como os Concelleiros de Protección da Comunidade, Medio Ambiente, Infraestruturas e a Delegada de Urbanismo.
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova