Imprimir

O ALCALDE DE LUGO RECIBE AOS PARTICIPANTES NAS XORNADAS RELACIONADAS CO PROXECTO EUROPEO PARNET-TIC


15/12/2009 * A Parnet-Tic configúrase como unha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela, recibiron aos participantes e representantes nas xorndas europeas Parnet-Tic que deron comezo hoxe.

A xuntanza tratou sobre as labores de seguimento e xestión do proxecto por parte de todos os integrantes. Así mesmo, na xornada deuse a coñecer a web do proxecto www.parnet-tic.eu e o plan de comunicación do mesmo.

Os participantes na reunión aproveitaron a estancia a Lugo para visitar a Muralla e o Centro de Interpretación.

As xornadas pretenden estudar algunhas das melloras prácticas no campo das tecnoloxías e aplicacións relacionadas coa e-administración e participación cidadá e que sirvan de referencia para a creación da rede de participación e servizos dixitais en cidades rurais.

As xornadas completanse coa exposición e debate de varios casos de boas prácticas xa experimentadas por outros organismos públicos e empresas invitadas ao proxecto. Hoxe foi o turno do Grupo Santander e Imatia, entre outros.

O proxecto
A Parnet-Tic configúrase como unha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais. No proxecto colaboran 8 administracións territoriais de España, Francia e Portugal que comparten unha situación xeográfica e demográfica similar. Así, integran o proxecto a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo a través do INLUDES, a Deputación Provincial de Huesca, a de Almería, o Concello de Lugo, a Cámara Municipal de Agueda (Portugal), o municipio Ville de Pau (Francia) e a Pole Universitarie Europèen de Monpellier (Francia).

Parnet-Tic é un proxecto transfronteirizo no que participan 8 administracións locais de España, Francia e Portugal e que ten por obxectivo fomentar a sociedade da información nos territorios rurais, por medio da e-administración e da e-participación.

O proxecto vai ter unha duración total de 2 anos e conta cun orzamento de 1.888.321 euros, cos que se desenvolverán utilidades e servizos destinados á cidadanía do medio rural, para contribuír ao desenvolvemento equilibrado do territorio.

O proxecto está integrado no programa de cooperación territorial Espacio Sudoeste 2007-2013 da UE que pretende consolidar o sudoeste europeo como un espazo de cooperación territorial nos ámbitos da competitividade, a innovación, o medio ambiente, o desenvolvemento sostible e a ordenación espacial.

Eixos do proxecto
O proxecto conta con tres eixos básicos:

1.Deseño dunha rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais
2.Servizos dixitais para a cidadanía
3.Plataforma para a participación cidadá

1. Este grupo de tarefas constitúe a primeira fase de execución do proxecto que ten como obxectivo o deseño do plan para a creación dunha rede transnacional de participación e servizos dixitais en territorios rurais.

2. Neste grupo de tarefas implántaranse nos distintos territorios participantes as propostas do plan relativas a servizos dixitais de e-administración.

3. O outro pilar do proxecto é o fomento e mellora da participación cidadá nos gobernos locais (e-democracia) por medio da creación dunha plataforma transnacional de Participación Cidadá.

Obxectivos do proxecto
Entre os resultados que o proxecto vai permitir atópanse os seguintes:

  • Un estudo comparativo entre os 8 territorios participantes sobre a situación de partida na implantación da e-administración e o e-goberno
  • Xornadas técnicas transnacionais sobre innovacións e referencias pioneiras en e-administración e participación cidadá e un documento coas propostas tecnolóxicas avaliadas
  • Constitución formal da rede de participación e servizos dixitais en territorios rurais cun plan director
  • Desenvolvemento e adaptación de 6 aplicacións informáticas para a prestación de servizos públicos online e unha plataforma telemática transnacional de participación cidadá.
  • Centro de procesamento de datos e unha rede cun mínimo de 12 antenas en funcionamento nos distintos territorios participantes, xestionadas polas entidades.
  • Xornadas formativas destinadas a informar á cidadanía e un seminario final por cada antena.
  • Servizos de e-administración en marcha por cada entidade local. Estas aplicacións prestarán un servizo directo á cidadanía e ás PYMES con efectos positivos na dinamización económica do territorio.
  • Actividades postas en marcha por cada entidade local para consulta e participación da cidadanía na plataforma.

O proxecto Parter-Tic pretende estimular o uso das TIC por parte da poboación e acometer as accións necesarias para estender a súa utilidade cara áreas de grande interese social, como a educación, a cultura e a administración en xeral.