Imprimir

O CONCELLO DE LUGO DECLARA O 2010 COMO O ANO DA MURALLA ROMANA


28/12/2009 O Goberno Local pretende recuperar o sentimento de orgullo da cidadanía no décimo aniversario da declaración do monumento como Patrimonio Mundial

O Concello de Lugo en Pleno aprobou esta mañá por unanimidade a proposta de Alcaldía para a declaración do ano 2010 como Ano da Muralla Romana.

O Alcalde explicou que “con motivo do décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial por parte da UNESCO o equipo de Goberno quere recuperar o sentimento de traballo en equipo que logrou a cidade o 30 de novembro do 2000”.

A distinción acadada polo monumento máis característico da cidade marcou un antes e despois no municipio e no seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia, así como na autoestima e orgullo da cidadanía. “Todos, os cidadáns e cidadás, administracións e institucións implicáronse ao 100% no proxecto, polo que pretende ser ademais unha homenaxe a todos e todas os que o fixeron posible”, explicou López Orozco.

O Concello de Lugo quere seguir para diante, avanzando cara a modernidade pero tendo sempre presente o pasado romano e a historia da cidade, polo que pretende rememorar esta data dun xeito especial no décimo aniversario.

Para a realización dos actos de celebración do décimo aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio Mundial, o Pleno do Concello aprobou a creación dunha Comisión de seguimento presidida polo Alcalde, un representante de cada grupo político con representación municipal, a Concelleira de Cultura e Turismo, Concepción Burgo, e un técnico municipal.