Cargando....
Concello de Lugo
29/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo aproba uns orzamentos para 2010 "sociais, investidores, austeros, rigorosos e realistas"


# Luns, 28/12/2009
* O orzamento consolidado para 2010 superará os 92 millóns de euros que, sumados aos investimentos do Plan Zapatero, sitúan ao Concello de Lugo nun orzamento superior ao dos últimos anos.

Imaxe Asociada
O Concello de Lugo aprobou hoxe coa abstención do BNG e o voto en contra do PP os orzamentos para 2010 que a concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, defendeu como unhas contas “sociais, investidoras, austeras, rigorosas e realistas”.

Tal e como explicou a Concelleira, as contas para 2010 son sociais, posto que as partidas correspondentes a atención á dependencia, escolas infantís, programas sociais e de atención á infancia aumentan de xeito espectacular. Investidores porque 2009 e 2010 serán anos dun nivel de investimento excepcional na nosa cidade grazas ao Plan Zapatero para os Concellos de España. Austeros porque reducen considerablemente os gastos menos produtivos do Concello e rigorosos e realistas porque se elaboran a partir de información veraz e actual tendo en conta os ingresos que se percibirán e dos gastos que será preciso acometer.

O orzamento consolidado para 2010 superará os 92 millóns de euros que, sumados aos investimentos do Plan Zapatero, sitúan ao Concello de Lugo nun orzamento superior ao dos últimos anos, por enriba dos 100 millóns de euros.

A previsión de ingresos fundaméntase, tal e como explicou a Concelleira nos ingresos propios do Concello derivados das ordenanzas fiscais que ascenderán aos 55 millóns de euros. Unhas ordenanzas que conxelan todos e cada un dos tributos municipais, entre eles, o IBI e o imposto de vehículos por terceiro ano consecutivo e que plantexan un novo sistema de cobro da auga que beneficiará a maioría dos usuarios.

Sonia Méndez destacou a achega das transferencias correntes doutras administracións, incidindo en que o Goberno Local “será moi reivindicativo para que a Xunta cumpra o compromiso e a obriga de aumentar as achegas para o mantemento dos servizos sociais que son da súa competencia como é o caso das escolas infantís”.

Na súa intervención no Pleno celebrado hoxe, a Concelleira manifestou que os ingresos correntes do Concello non só son máis que suficientes para financiar as nóminas e o gasto corrente senón que financian a amortización dos préstamos “e aínda queda para financiar parte das obras”, remarcou.

Entre as transferencias de capital coas que conta o Concello Sonia Méndez destacou a achega do Plan Urban e as realizadas polo Goberno de España “que ten suplido amplamente a redución das achegas mediante a aportación en dous anos de máis de 26 millóns de euros do FEIL. O orzamento do Concello máis o investimento do Plan Zapatero permiten ter unhas contas que acadan o mesmo nivel de investimento que os orzamentos anteriores: o 20%, cifra que cuadriplica o investimento dos anos de Goberno do Partido Popular.

En relación coa débeda contraida, o Concello de Lugo atópase no 45,31%, a metade da débeda que deixou o PP, que se situaba no 91,46%.

Compromiso co gasto social
Máis do 20% do orzamento do Concello de Lugo destínase a gasto social, sendo o municipio o que máis inviste neste concepto de todo o Estado.

A redución das partidas de gastos diversos nun 30%, a redución dos gastos financeiros en preto dun millón de euros e a suma de 2 millóns máis para gasto social procedentes do FEIL permitiron un incremento das partidas destinadas a gasto social:

- Contrato de servizo de axuda no fogar: 1.990.900 euros. Aumentará case un 100%, o que se traduce nun incremento de 67.386 a 133.700 horas de atención, de 396 persoas a 514 persoas.
- Contratos de xestión do centro de día e prazas concertadas: 948.500 euros. Aumentará un 82%, pasando de 60 a 106 prazas (propias e concertadas).
- Contrato para o Programa Escola Aberta (actividades extraescolares e apoio os comedores escolares, almorzos e merendas, así como apertura de instalacións deportivas en horario extraescolar): 260.000 euros. Aumentará un 65%.
- Escolas infantís: recóllese financiación para a apertura ao longo deste ano das tres: Fontiñas. Piringalla e Sanfiz.
- Ademais, destinaranse 424.000 euros para subvencións a asociación sociais, 115.000 para o servizo de comida no fogar, 150.000 euros para ociotecas, etc.
- Aumentan un 67% e un 66% respectivamente as contías destinadas a programas sociais e emerxencia social (470.000 e 150.000 euros).
- Promoción do emprego: 775.000 euros. Desta contía, 269.242 euros serán axudas directas para persoas desempregadas en forma de becas para a formación. O Plan Urban inclúe accións relacionadas co emprego e a formación, ás que se destinan 180.000 euros

O orzamento recolle, así mesmo, a financiación necesaria para os novos equipamentos que teñen transformado a cidade de Lugo nos anos de goberno de Orozco:

Escolas infantís: de unha a catro
Centros de convivencia nos barrios: de dous a nove
Museos: de un a tres
Casas das linguas, Espazo lab, CEI, Centro multiusos PIT, Casa da música, Casa do deporte, casa da xuventude, antigas escolas rurais convertidas en centros de convivencia veciñal etc.

Outros programas
As accións culturais recibirán 2.222.000 euros mentres que o deporte contará cun orzamento de 2.653.000 euros para a mellora da infraestruturas e fomentar a práctica deportiva e a vida saudable.
Destinaranse 2.013.000 euros ao transporte urbano e 211.000 para infraestruturas da zona rural; 1.264.594 euros para a e-administración e a alfabetización informática da cidadanía e 355.000 irán adicados á xuventude. O turismo, peza fundamental no desenvolvemento da cidade recibirá unha contía de 916.000 euros nas contas de 2010 co obxectivo de que siga a medrar o número de visitantes. Ademais, mantéñense as axudas a asociacións veciñais, sociais, culturais e deportivas.

Investimentos
O plan de investimentos do Concello de Lugo para 2010 conta cun total de 22.397.141 euros derivadas da suma do capítulo 6 (11.907.400), do 7 (2049500) e do FEIL (8.400.000).

Nos orzamentos municipais inclúense proxectos como:

- Nova sede da Policía Local
- Expropiacións
- Infraestruturas urbanas: Sagrado Corazón, centro histórico, adecentamento e rexeneración de rúas
- Posta en marcha da nova potabilizadora
- Fogar do transeúnte
- Rehabilitación de Escolas rurais
- Alumeado público e rural
- Obras en Colexios
- Instalacións deportivas
- Zonas verdes
- Novas tecnoloxías
- Tráfico e seguridade viaria
- soterramento de liñas eléctricas
- subvencións para obras na zona rural
- empresa de turismo
- proxectos de cooperación con ongs
- convenio con ACUNOR para abastecemento de auga a Lugo

Ano do Plan Urban
Así mesmo, o 2009 será o ano do Plan Urban dotado con 5.847.000 euros, o 70% procedentes de FEDER, co obxectivo de revitalizar a economía do centro da cidade e que este crecemento redunde no desenvolvemento do resto de Lugo.

Destinaranse 610.000 euros á adquisición de edificacións, como un baixo no Cantiño. A rehabilitación do Cantiño, praza de San Marcos e a piscina de Santa María recibirán un total de 2.090.000 euros.

O Plan Urban recolle ademais a primeira fase da rehabilitación do vello cárcere a que se destinan 2.500.000 euros, así como 350.000 euros a axudas directas ao comercio e hostalería aos que se sumarán os remanentes das axudas deste ano.

Todo o anterior ademais dos remanentes e economías de exercicios anteriores, así como os investimentos xa iniciados, mostran ás claras o compromiso deste equipo de goberno co municipio de Lugo, destacou Sonia Méndez.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova