Cargando....
Concello de Lugo
16/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo e a USC asinan un convenio de colaboración para o fomento do emprendemento entre os universitarios


# Martes, 29/12/2009
As institucións asinaron outro acordo para facilitar a residencia aos estudantes estranxeiros no Campus de Lugo

Imaxe Asociada
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o reitor da USC, Senén Barrio, asinaron esta mañá na Casa do Concello dous convenios no marco de colaboración que manteñen as dúas institucións.

O Alcalde explicou que “con esta sinatura materialízase a extraordinaria colaboración entre a USC e o Concello”. E engadiu que “coa boa materia prima que temos en Lugo como é o coñecemento, temos que aproveitar as sinerxías e o traballo en común a favor das empresas e dos emprendedores nesta cidade”.

O primeiro deles nace co obxectivo de fomentar entre os membros da Comunidade Universitaria e investigadores vinculados á USC a creatividade aplicada á empresa, ao espíritu emprendedor e á capacidade de xerar riqueza detectando oportunidades de negocio e facilitando as ferramentas necesarias para a posta en marcha de iniciativas empresariais. Por iso, promoverase a participación dos promotores universitarios nas accións do Programa Uniemprende da USC e nas que se desenvolvan no CEI-Nodus coa mesma finalidade.

Coa firma deste convenio a USC responsabilízase da detección de emprendedores interesados en incorporarse a estes programas, así como a súa tutela e asesoramento especializado a través do persoal adscrito á universidade. Así mesmo, a USC, a través dos mecanismos ou entidades que teñan promovido para a financiación de iniciativas empresariais innovadoras, estudará de forma preferente o apoio financeiro a proxectos empresariais que xurdan da colaboración entre ambas as institucións.

Pola súa banda, o Concello de Lugo comprométese a garantir un acceso preferente ás instalacións do CEI a todos os membros da Comunidade Universitaria que, no marco do Programa Uniemprende, presenten un proxecto viable para a creación e posta en marcha dunha iniciativa empresarial. Ademais, o CEI-NODUS porá a disposición dos emprendedores beneficiarios, ademais do aloxamento, a experiencia do equipo técnico multidisciplinar adscrito ao centro, experiencia acumulada durante os anos en que estiveron traballando no asesoramento para á creación e posta en marcha de iniciativas empresariais. As actividades que se desenvolverán no marco deste convenio terán unha duración de 2 anos.

Axuda ao alumnado estranxeiro
O Alcalde e o Reitor firmaron, ademais, outro convenio para facilitar a residencia aos estudantes estranxeiros do Campus de Lugo.

O Concello, comprometido coa promoción da interculturalidade e con que os estudantes que veñen de fóra se sintan como na casa, participando da vida da cidade, colaborará coa universidade en proporcionarlles facilidades para o acceso a unha vivenda adecuada as súas necesidades e facilitarlle aos propietarios das vivendas o seu arrendamento. López Orozco indicou que se trata dunha gran oportunidade para dar a coñecer Lugo.

Pola súa banda, o reitor explicou que “os estudantes estranxeiros ademais de formarse nos centros recibirán formación desta cidade amable, da gastronomía, do urbanismo e das boas xentes de Lugo”.

O Concello de Lugo comprométese a realizar unha recepción institucional na Casa Consistorial para dar a benvida a cada un dos grupos de estudantes estranxeiros que reciba o Campus lucense. Ademais, entregará a cada estudante información de interese para a súa estadía en Lugo: sobre as actividades xuvenís e culturais, liñas de transporte urbano, guías turísticas da zona urbana e da rural, instalacións culturais, sociais e deportivas, etc.

O Concello de Lugo impartirá aos estudantes charlas sobre posibilidades de emprego e autoemprego en Lugo nas instalacións do Espazo>Lab. Así mesmo, recibirán a información sobre programas e iniciativas europeas da Oficina de Información Europea “Eurodesk”. Segundo explicou o Alcalde, os estudantes terán á súa disposición o servizo da asesoría xurídica da Concellería de Xuventude para a consulta de todas as xestións entre a persoa demandante e as futuras persoas arrendadoras, así como o servizo de atención ao cidadán 010.

Pola súa banda, a USC difundirá entre o alumnado estranxeiro do Campus de Lugo a información relativa ao programa de residencia, obxecto deste acordo, cos beneficios e compromisos que asumirían de adherirse a dita iniciativa.

A Universidade achegará ao Concello a listaxe cos datos dos estudantes estranxeiros que se adhiran ao programa, con antelación suficiente para iniciar o programa de residencia anual. Os estudantes estranxeiros que se adhiran ao programa participarán nas distintas actividades que organice o Concello de Lugo, relativas a charlas en diferentes centros relacionadas cos seus países de orixe, así como conversas, coas persoas usuarias das Casas das Linguas municipais, no idioma estranxeiro que dominen.
           
Este protocolo terá unha duración dun ano (curso 2009-2010), que poderá ser prorrogable por acordo das partes.

En definitiva ambas as dúas institucións comprométense a unir esforzos, compartindo traballo, coñecementos e experiencias, para profundar no desenvolvemento de estratexias que favorezan a integración social dos estudantes doutras nacionalidades e facilitarlles un aloxamento adecuado mentres residan en Galicia.
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova