Imprimir

O CONCELLO DE LUGO AXUDARÁ A 60 FAMILIAS A PAGAR O ALUGUER DAS SÚAS VIVENDAS


30/12/2009 O orzamento para levar a cabo este programa de axudas será de 69.750 euros

O Concello de Lugo, elixiu xa aos destinatarios do programa de axudas municipais para o alugamento de vivendas na cidade. Con esta iniciativa o equipo de Goberno pretende facilitar o acceso á vivenda ás persoas que se atopen nunha situación socioeconómica que lle dificulte ou imposibilite acceder ao alugamento dunha vivenda digna.

Un total de 135 persoas presentaron a súa solicitude, 8 delas renunciaron e 67 non cumprían as bases requiridas para poder optar a estas axudas, polo que foron concedidas a un total de 60 familias, unha cifra moi parecida ao ano anterior, divididas nos seguintes colectivos:

-Pensionistas : 7 solicitantes.
-Inmigrantes e emigrantes retornados:  37 axudas.
-Xente nova de entre 18 e 35 anos (ambos inclusive):  14 persoas.
- Persoas que con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 se atopen en situación legal de desemprego: 2 persoas.

O Concello investirá un total de 69.750´36 euros nestas axudas que supoñen entre o 10 e o 50% do prezo do alugamento da vivenda. Este presuposto non esgota o previsto para esta anualidade que era de 95.000 euros. Hai tres solicitudes que se atopan nunha situación especial e pendentes de valorar, polo que se propuxo manter vixente o crédito necesario para cubrir estas solicitudes estimándose un importe máximo de 6.300 euros.