Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Medio millar de persoas asistiu á estrea do docudrama sobre a espía lucense Araceli González


# Mércores, 30/12/2009
* "Hitler, Garbo... e Araceli", que dirixiu José de Cora, presentouse en primicia na Deputación de Lugo ante a sociedade luguesa.

Imaxe Asociada
* A Fundación TIC apoiou económica e tecnicamente na rodaxe, na que traballaron alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son.

Medio millar de persoas asistiu este mércores, no Pazo de San Marcos, á estrea do docudrama 'Hitler, Garbo... e Araceli', que realizou o director de Lugopress, José de Cora. O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, na compaña do director da película, foi o encargado de dar a benvida ós convidados á premier, que abarrotaron os dous salóns nos que se instalaron senllas pantallas para á proxección.

Gómez Besteiro deu as grazas ó público “por estar con nós, xa que a ocasión ben o merece. Lugo convértese por un día no Hollywood galego, hoxe a nosa cidade é a capital do audiovisual de Galicia”.

Na súa intervención, o Presidente da institución provincial destacou a calidade do documental, “un apaixonante proxecto audiovisual sobre a vida da espía lucense Araceli González, co que colaboramos a través da Fundación TIC e os alumnos da Escola de Imaxe e Son”. Recuperamos a memoria histórica de Araceli e o seu marido, o espía español máis famoso de todos os tempos, que foron vitais na derrota do nazismo no desembarco de Normandía, que supuxo o principio do fin da Segunda Guerra Mundial”.

Á estrea da película acudiron os actores lucenses protagonistas: Mara Miñano, que interpretou á espía de Coeses e Ramón Saqués, no papel do seu marido, o dobre espía Juan Pujol, máis coñecido como “Garbo”, xunto ó resto do elenco. Entre os cincocentos figurantes que participaron no filme atópanse ademais do propio Presidente da Deputación, o Alcalde de Lugo, José López Orozco; o Vicepresidente primeiro da institución provincial; Antón Bao e o Comisario xefe provincial, Maximino Losada, entre outros representantes da vida política, cultural e social de Lugo. Todos os personaxes e numerosos convidados posaron ante o photocall instalado na entrada do Pazo de San Marcos.

Gómez Besteiro aventurou que o ano 2010 será “o ano das Murallas, porque ademais do décimo aniversario da Declaración do monumento Patrimonio da Humanidade, no que o Alcalde de Lugo está volcado, será tamén o ano de Araceli, unha muller que tampouco se deixaba derrubar”.

O apoio da Fundación TIC
O Presidente provincial lembrou que desde a primeira conversa con José de Cora, “na Fundación TIC namorámonos do proxecto e non podiamos quedar á marxe, tendo en conta que está realizado pola empresa audiovisual Lugopress, rodado na na súa maior parte aquí, e que fai tributo a Lugo e a súa provincia. Dende a Fundación TIC colaboramos económica e tecnicamente neste documental pero para nós o máis importante era que os nosos alumnos se estreasen no mundo laboral, baixo a dirección dun profesional de luxo”, engadiu.


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova