Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Os lucenses regalan a Muralla a través dos Reis Magos para que a cidade chegue ao mundo enteiro


# Martes, 05/01/2010
Intervención dos Reis Magos de Oriente na súa visita a Lugo

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Ola nenos e nenas de Lugo: Boas noites a todas e todos e tamén aos maiores.

Un ano máis chegamos a Lugo desde Oriente dentro do noso traballo de facer felices a todos os nenos do mundo e tamén aos de Lugo, xa que desde hai moitos, moitísimos anos, desde que está feita a Muralla, vimos a estar con todos vós.

Teño que dicirvos que estades de sorte, pois hai un intre, mentres falabamos co Alcalde e coa Corporación Municipal, contáronnos que fostes bos, que estudastedes, que cumpristes coas vosas obrigas e que, por iso, este ano os nosos camellos debían traer regalos para todos e todas. Ademais, como todos os lucenses queredes e respectades a vosa Muralla, que é o testigo das nosas visitas e que leva dez anos sendo Patrimonio Mundial, merecedes todo o mellor.

Por iso chegamos a esta Praza Maior cheos de ilusión e de alegría e por iso durmiremos en Lugo para poder repartir case todo o que nos pedistedes.

Queremos que saibades que vivimos un ano con algunha dificultade e por iso os nosos almacéns son máis pequenos. Aínda así non van faltar nas nosas sacas algúns dos regalos que vos van facer felices e dos que falastedes nas miles de cartas que nos fixestedes chegar.

Tamén por iso este ano debemos máis que nunca repartir todo o que temos cos que menos teñen, ter en conta que hai nenos e nenas con menos posibilidades e axudarlles a que a noite de hoxe tamén para eles represente unha ilusión.

Así que non vos preocupedes se non podedes ter todo o que pedistes, que me consta que ademais pedides dabondo!! Conformádevos cos agasallos que hoxe traemos para vós e valorade o importante que é que todos, todos os nenos do mundo teñan algo baixo á árbore, nas escaleiras, ao carón da cama, na cociña… que os sorprenda mañá cedo.

Pero non só imos deixar regalos nas vosas casas, tamén imos deixar agasallos aquí na Casa Consistorial para que todos poidades disfrutar ao longo do ano no Concello de Lugo.

Este ano teredes en Lugo máis xogos infantís, novos parques, e centos de actividades coas que compartir o voso tempo libre con outros nenos e nenas.

Teño que falarvos dunha novidade. Na viaxe atopamos unha estrela que guiaba a moita xente cara a Galicia, a Santiago de Compostela. Os embaixadores en Oriente dixéronnos que este ano é o Xacobeo e que por iso lle fagamos tamén un regalo ao mundo de parte dos lucenses: ese regalo grande que debemos compartir, mimar e coidar entre todos é a nosa Muralla. Un agasallo que Lugo quere prestar, compartir, dar a coñecer.

Porque hai moitos anos, milleiros de homes e mulleres traballaron duro para que tiveramos un regalo, un tesouro, que non é efímero, que perdura no tempo gañando importancia e renome. E en 2010 a Muralla cumpre 10 anos como Patrimonio da Humanidade e témolo que festexar por todo o alto!

Por iso, este ano, os lucenses a través dos Reis queren que este sexa o regalo para o 2010, un ano que debe ser de 10 para todos vós. E un ano no que a Muralla será un xoguete, un agasallo, un soño, unha ilusión, un espazo para a convivencia, unha foto, un cadro, a visita dun amigo...

Os Reis Magos queremos darvos as gracias aos cidadáns de Lugo por REGALAR con maiúsculas un monumento que fará que a cidade chegue a todo o mundo.

A cambio, o mundo regalaranos a súa visita, a súa atención, o seu recoñecemento, e o seu respecto. Un regalo para que disfrutedes todos, os maiores, os máis novos, en familia, con amigos…

Os Reis de Oriente agradecémoslle a Lugo o seu regalo e a cambio, esperamos que esta noite se cumpran todos os vosos desexos!!

Agora podedes subir ao Concello e recoller o voso agasallo, non vos preocupedes, hai para todos e todas. Esta noite deixaremos os demais regalos nas vosas casas.

Recordade, seguide portándovos ben!!



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova