Imprimir

LÓPEZ OROZCO SUBLIÑA QUE A COLABORACIÓN ESTABLECIDA ENTRE LUGO E FERROL ABRIRÁ IMPORTANTES CAMIÑOS DE PROGRESO ENTRE AS DÚAS CIDADES


7/1/2010 * Lugo e Ferrol reeditan os seus lazos de irmandade no Día de San Xiao
* O Alcalde e outros membros da Corporación municipal participan na festividade do patrón ferrolá

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e outros membros da corporación Municipal participaron esta mañá na celebración da festividade de San Xiao, patrono de Ferrol, que cada ano se celebra o 7 de xaneiro. No acto, López Orozco subliñou que a colaboración establecida entre Lugo e Ferrol abrirá importantes camiños de progreso entre as dúas cidades.

Neste sentido, López Orozco referiuse á importancia de traballar unidos para superar a crise e reforzar os vínculos para superar as dificultades, aumentar o turismo e seguir medrando. Así, expuxo que as prioridades dos Concellos en épocas como a actual deben centrarse nas persoas, no investimento social e educativo. “Debemos comprometernos coa educación e a formación en dereitos”, indicou.

Ademais, o Alcalde de Lugo puxo en valor a hospitalidade da xente de Ferrol e a súa acollida, ao tempo que convidou aos ferroláns a desprazarse a Lugo “onde serán ben recibidos”.

Na súa intervención, o Alcalde de Lugo recordou que en 2010 se cumpren 10 anos da Declaración da Muralla como Patrimonio Mundial e agradeceu o esforzo de Ferrol e dos seus cidadáns para acadar o obxectivo “hai agora dez anos”. Neste sentido, López Orozco comprometeu a súa colaboración e a do Goberno de Lugo na carreira da cidade departamental por lograr a declaración para o patrimonio da Ilustración co que conta Ferrol.

López Orozco destacou que a autovía AG-64 Ferrol-Villaba permitirá estreitar aínda máis os lazos entre os dous territorios e relación entre as cidade o que “sen dúbida reforzará o turismo”, expuxo.

Así mesmo, o Alcalde de Lugo subliñou que Ferrol constitúe un “exemplo de desenvolvemento industrial” a través do Plan Ferrol e que Lugo tentará seguir esa senda con proxectos como o Impulsa Lugo promovido polo Goberno galego coa colaboración da administración provincial e local.

A favor do desenvolvemento
Pola súa banda, o Alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri destacou que no día de hoxe ambas as cidades renovan o seu compromiso de colaboración e lealdade e a súa vontade de traballar conxuntamente a favor do desenvolvemento da Galicia do norte. Así, definiu como “unha oportunidade histórica” a apertura nas vindeiras semanas da autovía AG-64 que unirá Ferrol e Vilalba.

Trátase dunha celebración que conta cunha longa tradición. De feito, comezou arredor do ano 1906, momento no que tivo lugar a primeira visita institucional entre as dúas cidades, oficialmente irmandadas no ano 2000. Ferrol visita Lugo en plenas festas de San Froilán e os representantes lucenses acoden a Ferrol no mes de xaneiro.

Coincidindo con esta data, o Concello de Ferrol, entregou a distinción de Ferrolá do Ano, que este ano recaeu no Porto de Ferrol, e as Insignias de Ouro da cidade ao Colexio San Xoán de Filgueira e, a título póstumo, ao sindicalista da UXT Mario Bouza.

O acto institucional de entrega das distincións tivo lugar no Teatro Jofre por segundo ano consecutivo. Previamente, o primeiro edil ferrolá, Vicente Irisarri, recibiu á comitiva lucense e aos homenaxeados desta edición que, logo do recibimento oficial, asinaron no Libro de Ouro do Concello. Un momento que foi aproveitado polo rexedor ferrolán para agradecer a presenza das autoridades lucenses nunha das xornadas máis importantes do calendario festivo local. O Alcalde resaltou a estreita colaboración que existe entre ambas as dúas cidades dende hai anos.

Irmandamento
Cabe recordar que as cidades de Lugo e Ferrol están irmandadas dende hai dez anos, pero o costume de que os lugueses visiten a cidade naval vén de lonxe. Concretamente de 1906, cando se celebraron uns eventos musicais primeiro en Ferrol, no Teatro Jofre, e logo en Lugo. Máis tarde, coa entrada en funcionamento do ferrocarril en 1913, xeneralizáronse estas visitas ata hoxe, no que as dúas urbes teñen por tradición reunirse co gallo dos patróns das súas cidades: San Froilán, no caso de Lugo, e San Xiao, no de Ferrol.

Así pois, o Concello de Ferrol fixo entrega do galardón Ferrolán do Ano 2009, ao Porto de Ferrol, infraestrutura xestionada primeiro pola entón chamada Junta de Obras del Puerto e, desde o ano 1993, pola Autoridade Portuaria, á que se agregou o porto de San Cibrao e que cumpre no 2010 o centenario da súa creación logrando no 2009, por primeira vez na súa historia como Autoridade Portuaria, o liderazgo do sector en Galicia.

Os integrantes da Banda Ferrolá de Música, dirixida por Narciso Pillo, foron os encargados de pechar este acto, no que non faltou a tradicional degustación da sobremesa típica da cidade de Ferrol: o arroz con leite.

O Goberno Lucense agasallou á corporación de Ferrol cunha figura de cerámica co nome de Ollada desde a Mosqueira de Luis Regal, aos concelleiros o libro Todas as cousas son imposibles mentres o parecen. Cen anos de historia de mulleres.