Imprimir

O CONCELLO DE LUGO PON EN MARCHA UN DISPOSITIVO ESPECIAL POR MOR DO TEMPORAL


7/1/2010 * A través de Protección Civil coordinaranse as actuacións a desenvolver mentres permaneza a alerta por neve

O Concello de Lugo ven de por en marcha un dispositivo especial por mor do temporal de neve que está a afectar a cidade. Así, todos os vehículos de Protección Civil foron equipados para botar sal. Desde este corpo cóntase con 20.000 quilos de sal para combater os efectos das xeadas.

Desde a empresa Urbaser, disporán de dous camións de caixa aberta cargados con preto de 2.000 quilos de sal cada un, á espera das zonas nas que distribuílo en función daqueles puntos que resulten máis afectados.

Ademais, desde Urbaser contan cun furgón con capacidade para 800 quilos de sal para distribuír polas estradas e zonas afectadas.

Así mesmo, estanse a realizar recorridos preventivos durante todo o día en zonas conflitivas como a Ceao, os accesos á autovía e a zona de Orzabai, sen terse detectado problemas salientables.